Zas participa por terceiro ano consecutivo na campaña “En Negro contra as violencias”

16-11-2018

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Zas súmase á campaña “En Negro contra as violencias”, impulsada polo Concello de Santiago de Compostela e na que participan máis de cen municipios galegos xunto coas Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra.

Como en anos anteriores, o Concello de Zas – a través da Concellería de Igualdade - coordinará diferentes actividades implicando ao tecido empresarial, asociativo, educativo e deportivo do municipio e que terán como obxectivo fomentar a sensibilización contra as violencias machistas.

Unha das principais actividades da campaña será o concurso de escaparates que se realizará en colaboración dos diferentes establecementos comercias do municipio de Zas. Así, do 19 ao 25 de novembro os escaparates de máis dun centenar de locais comerciais e hostaleiros de  todo o municipio tinguiranse de negro e difundirán distintas mensaxes para rexeitar esta lacra social. Os máis orixinais terán premio.

Ademais, ao longo destes días entregaranse camisetas, pegatinas, salvamanteis, e outro material nos comedores escolares e nos diferentes locais hostaleiros do municipio.

A poboación escolar é outro dos grupos cos que se traballará en materia de igualdade e de rexeitamento ás violencias.  Así, ao longo destes días, realizaranse diferentes actividades nos tres centros educativos do Concello de Zas. A primeira das actividades será un taller de “Violencia de xénero e o novo contexto dixital” que se desenvolverá en cada un dos tres centros educativos o luns 26 de novembro. Xa o venres, 29 de novembro, o Auditorio de Baio acolle o espectáculo “Por unha peseta”. Éste é o primeiro traballo de Apatacón; unha compañía de nova creación formada pola vocalista Faia Díaz e a cantadora Vero Rilo. Ademais destas actividades, persoal do CIM de Zas impartirá nos próximos días unha charla sobre a violencia de xénero no IES de Baio e no mes de xaneiro realizarase o obradoiro “Escoita o meu son” – que se enmarca no programa “Quen dixo medo da Deputación da Coruña” - e que está dirixido ao alumnado de 3º da ESO do IES de Baio e do CPI de Zas.

Por outra parte, o CIM de Zas organiza unha concentración aberta a toda a veciñanza que terá lugar na praza do Concello o 23 de novembro entre as 12:00 e as 12:30 horas.

 

Sinatura do Protocolo

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, participou no acto de sinatura do protocolo para a campaña “En negro contra as violencias machistas” que tivo lugar o pasado luns, 12 de novembro, en Santiago de Compostela.

Compartir: