Máis de 1.000 persoas participaron nas diferentes propostas da Semana Cultural de Zas

07-08-2018

 

Nin o sol nin as altas temperaturas puideron coa Semana Cultural organizada polo Concello de  Zas. Máis de 1.000 persoas participaron nas diferentes propostas que se realizaron ao longo de toda a semana e que converteron ao noso municipio, con escasos 5.000 habitantes, nun auténtico referente cultural. Dende a presentación do programa - que tivo lugar o domingo 29 de xullo da man do Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín,- e durante toda a semana pasaron polo Centro Sociocultural e polo Auditorio de Zas propostas para todos os gustos e para todos os públicos grazas a un completo programa que tivo como broche final a XXXV edición da Festa da Carballeira. “O público respondeu da mellor maneira posible ante a calidade e a cantidade de actividades facendo que ésta fose unha das Semanas Culturais con máis participación das once edicións que se levan organizando”, sinala Manuel García Velo, Cconcelleiro de Cultura de Zas e encargado da coordinación deste programa.

Foron moitos os nenos e nenas, tanto do noso concello como doutros limítrofes, os que participaron nos distintos obradoiros e espectáculos musicais dirixidos a eles. Traballos con pasta de modelar, confección de complementos, comidas saudables, curiosidades científicas,… foron algunhas das temáticas sobre as que traballaron estes días. Pero tamén tiveron tempo para a diversión a través da música coas actuacións de Pablo Díaz e de Paco Nogueiras e doutros espectáculos de maxia e malabarismos.

Tamén tiveron unha boa resposta as propostas para os adultos a través das cales ampliaron os seus coñecementos sobre a fotografía e a decoración con bastidores. Pero as grandes protagonistas desta Semana Cultural foron as citas das noites e unha boa mostra foi o arranque do programa o pasado domingo, 29 de xullo, no que máis de 100 persoas encheron o auditorio de Zas para ver a obra de teatro “Sábado, sabadete…” do grupo Sen Tempo Teatro da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas. As risas e o convite á reflexión continuaron durante toda a semana cos  monólogos Marcos Pereiro e de Volta e Dálle Teatro e coa obra de teatro Sénior, de Luís Iglesia e Marcos Orsi.

Pero as grandes protagonistas desta Semana Cultural foron as visitas ao noso patrimonio arqueolóxico. Case 50 veciños e veciñas participaron o pasado martes na “Visita ao Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Zas”. Pedra Vixía, a Arca da Piosa e Brandomil foron os lugares visitados nos que se atopan restos de enorme importancia arqueolóxica e que son a base de moitos estudos sobre a historia de Galicia. Durante a tarde, tamén houbo tempo para descubrir outros puntos do municipio – descoñecidos para moitos – como é o pozo de Limideiro que é o resultado dunha antiga explotación mineira.

Mais a gran triunfadora da Semana Cultural foi a observación astronómica que realizamos o mércores, 1 de agosto, dende a tumba de Brandomil, nome que lle otorgou Eduardo Pondal á Arca da Piosa. Tras a presentación polo alcalde de Zas do libro “Na procura da noite: fotografando o ceo nocturno” - coordinado por Jorge Mira e coa fotógrafa Ana García como coautora - foron máis de 220 as persoas que se desprazaron en autobús ata Roma para dende alí facer unha pequena camiñata cara o dolmen da Piosa. Jorge Mira foi o encargado de identificar os planetas e as distintas constelacións que se deixaron ver sobre un ceo despexado de nubes e de contaminación lumínica. Outro dos momentos especiais da noite foi a lectura dun poema de Eduardo Pondal, na voz do xornalista Santiago Garrido, na que a excelente acústica natural e a luz dos fachos trasladou aos asistentes ata as orixes de Galicia.  

 

Agradecementos

Para a posta en marcha deste programa, o Concello de Zas contou coa colaboración de institucións como a Deputación da Coruña e de asociacións locais como a Asociación Cultural Castro Meda, a Asociación de Baile Tradicional Churía e o Grupo de Teatro Badius. Pero tamén son moitas as persoas que, dun xeito altruísta, colaboran ano tras ano para que Zas sexa un referente cultural na semana previa á Festa da Carballeira.

 

Ligazóns

Novas relacionadas

Compartir: