A Semana Cultural inclúe dúas rutas para coñecer o patrimonio arqueolóxico de Zas
24-07-2018
A Semana Cultural de Zas xa está aquí! Durante os próximos haberá citas para todos os públicos en Zas como teatro, monólogos, exposicións, obradoiros… e dous roteiros a través dos cales coñecer a riqueza arqueolóxica do noso municipio.
A primeria destas rutas será este martes, 31 de xullo. Acompañados dun guía, os participantes farán un percorrido por varios puntos do municipio de Zas que agochan distintos xacementos arqueolóxicos. A primeira parada será Pedra Vixía, onde se atopan os restos do dolmen da Pedra da Moura. Logo un autobús desprazará aos participantes ata a parroquia de Muíño, onde se atopa a Arca da Piosa; un dos monumentos megalíticos de maior recoñecemento de toda Galicia e que inspirou a Eduardo Pondal quen viu nesta anta a tumba de Brandomil, un dos seus míticos guerreiros celtas da antiga Galicia. Unha vez visitado o monumento megalítico e despois de coñecer parte da súa historia, os visitantes desprazaranse novamente en bus ata Brandomil para coñecer máis polo miúdo a ponte, o castro e os restos romanos que se atopan nesta vila. A saída será ás 15:30 horas dende o Centro Sociocultural de Zas e aconséllase levar calzado axeitado xa que se realizarán pequenas camiñatas.
Roteiro nocturno
Dentro da programación da Semana Cultural tampouco podía faltar a ruta noctura con observación astronómica incluída, tal e como se vén facendo nos últimos anos. E como sempre, diso encargarase o físico baiés Jorge Mira quen comentará os principais elementos que se poden contemplar no firmamento en días de verán como estes. E lugar escollido para esta contemplación é Arca da Piosa, un lugar cargado de misticismo e alonxado da contaminación lumínica. Para a observación sairase en autobús ás 22:00 horas do Centro Sociocultural de Zas, onde un pouco antes (ás 21:15 horas) terá lugar a presentación do libro “Na procura da noite: Fotografando o ceo nocturno” editado pola USC e coordinado por Jorge Mira e na que unha das coautoras é a fotógrafa Ana García.
Inscricións
Para participar en calquera das dúas rutas, é necesario anotarse previamente a través dos números de teléfono 981 718 056 ou 981 751 398 ou no Centro Sociocultural de Baio ou no de Zas. A inscrición é gratuíta.
Primeria cita
A Semana Cultura de Zas arranca este domingo, 29 de xullo, coa obra de teatro “Sábado, sabadete…” representada polo grupo de Sen Tempo Teatro da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas. A cita é ás 21:00 horas no auditorio do Zas e a entrada é de balde.