A Semana Cultural trae obradoiros, talleres, cursos e diversión para todos os públicos
28-07-2018
Hoxe arranca unha nova edición da Semana Cultural que, un ano máis, trae unha morea actividades para todos os gustos e para todos os públicos. A programación, posta en marcha polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura, culminará cunha das festas que forman parte da nosa identidade: a XXXV Festa da Carballeira. “Deseñamos unha programación variada, aberta e gratuíta e que dende hai once anos nos converte no referente cultural de toda a comarca”; manifesta Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura de Zas.
A primeira das citas é hoxe, ás 21:00 horas, no Auditorio de Zas. E para comezar nada mellor que facelo cos da casa. Así, o grupo Sen Tempo Teatro - da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas - representará a súa nova obra de teatro “Sábado, sabadete…” que nos arrancará risas durante toda a función (Auditorio de Zas).
Xa mañá luns comezará de cheo a programación que se alonga durante toda a semana. Dende a mañá ata a noite haberá actividades para toda veciñanza. Os máis novos terán a oportunidade de participar gratuitamente en distintos obradoiros infantís nos que traballarán sobre a pasta de modelar, a cociña a través dos xeados saudables, os complementos e incluso sobre a ciencia. Eles tamén a oportunidade de desfrutar a través de música e diso escargaranse Pablo Díaz (que lles presentará o seu traballo “Tic, tac, toc, canta comigo” o martes, 31 de xullo, ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas) e Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bulebule” (mércores, 1 de agosto, ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas). Dentro das actividades para os máis miúdos tamén haberá outras propostas como a sesión de contacontos “Mar Adiante”, de Bandullo Azul, (xoves ás 12:00 horas). Xa o venres ás 12:00 horas o Circo do Chosco virá co seu “Riscando o Ceo”; un espectáculo de humor, circo, maxia e equilibrio.
O público adulto será unha parte moi importante da programación desta Semana Cultural. Para eles haberá un taller de fotografía creativa e actual (luns e martes de 17:00 a 20:00 horas); un curso de iniciación á percusión e ao baile tradicional (de luns a venres de 17:00 a 18:00 horas); e un obradoiro de decoración con bastidores (mércores e xoves de 18:00 a 20:00 horas).
Tamén haberá tempo para coñecer o concello a través de dous roteiros. O primeiro será unha visita ao patrimonio arqueolóxico do Concello de Zas – que consiste nun percorrido guiado por Pedra Vixía, Arca da Piosa e Brandomil que será o martes, 31 de xullo, pola tarde -. E o segundo será unha observación astronómica na Arca da Piosa guiada por Jorge Mira. Para esta observación, que será o mércores 1 de agosto, sairase en autobús ás 22:00 horas do Centro Sociocultural de Zas, onde un pouco antes (ás 21:15 horas) terá lugar a presentación do libro “Na procura da noite: Fotografando o ceo nocturno” editado pola USC e coordinado por Jorge Mira e na que unha das coautoras é a fotógrafa Ana García.
Para participar en calquera destas actividades, é necesario anotarse previamente a través dos números de teléfono 981 718 056 ou 981 751 398 ou no Centro Sociocultural de Baio ou no de Zas. A inscrición é gratuíta.
Máis citas
As actividades para os adultos continuarán xa entrada a noitiña nas que a risa será un elemento moi importante. A primeira das propostas é o luns (ás 21:30 horas no Auditorio do Concello) co monólogo “Dura Lex” de Pepe Penabade, Carlos Santiago e Comba Campoy - de Volta e Dálle Teatro -. As risas continuarán o martes da man do humorista Marcos Pereiro que trae a Zas o seu monólogo “Como ser un armario empotrado” que comeza ás 21:30 horas no Centro Sociocultural de Zas. E xa o xoves, o Auditorio de Zas recibirá a visita de Marcos Orsi e Luís Iglesia que nos traen a súa obra de teatro “Sénior”, na que dunha forma cómica afondan sobre a crise dos 50 e sobre cando se abandona a madurez para pasar formar parte do grupo de poboación denominado “Sénior”. A entrada é e balde ata completar aforo e a cita comeza ás 21:30 horas.
Tamén como vén sendo habitual, o Centro Sociocultural de Zas acollerá durante estes días as exposicións dos XXXV Anos da Carballeria e dos traballos de manualidades, bordado e tapicería realizados polo alumnado dos cursos municipais. Poderán visitarse todos os días en horario de 17:00 a 20:00 horas.
O venres á noite e o sábado durante todo o día e parte da noite a actidade trasládase á Carballeira de Velar onde se celebrará a XXXV edición da Festa da Carballeira na que a música folk e unha contorna máxica serán os principais ingredintes. Para poñer en marcha toda esta actividade, o Concello de Zas conta coa colaboración de entidades como a Deputación da Coruña e outras locais como o grupo de teatro Badius, a Asociación de Baile Tradicional Churía e a Asociación Cultural Castro Meda.
Na ligazón que aparece ao final desta nova podedes descargar o programa completo.