Jorge Mira guía unha observación astronómica dende a Arca da Piosa
01-08-2018
Dentro da programación da Semana Cultural organizada polo Concello de Zas non podía faltar unha observación astronómica que este ano, como novidade, realizaremos esta noite dende o dolmen da Arca da Piosa (ou a tumba do Guerreiro Brandomil como o bautizou Eduardo Pondal). Dende alí, Jorge Mira - Catedrático de electromagnetismo na Facultade de Física da USC e veciño de Baio- encargarase de falarnos sobre a magnitude do Universo a través da observación dos astros ademais de facernos reflexionar sobre a nosa existencia.
“Unha ollada ao firmamento” é o nome deste roteriro que realizaremos mañá, 1 de agosto, e no que pode participar toda a veciñanza. Para iso sairemos ás 22:00 horas en autobús dende o Centro Sociocultural de Zas para desprazarnos ata a igrexa de Roma, na parroquia de Meanos. Dende alí realizaremos unha pequena andaina, duns dous quilómetros, para chegar ata o dolmen da Arca da Piosa. Para participar no roteiro é necesario anotarse previamente a través dos números de teléfono 981 718 056 ou 981 751 398. A inscrición é gratuíta.
Un pouco antes (ás 21:15 horas) terá lugar no Centro Sociocultural de Zas a presentación do libro “Na procura da noite: Fotografando o ceo nocturno” editado pola USC e coordinado por Jorge Mira e na que unha das coautoras é a fotógrafa Ana García. Durante a presentación do libro – que guiará o xornalista Santiago Garrido e veciño da parroquia de San Clemente – proxectarase un vídeo e un timlapse a través dos cales Ana García – recoñecida fotoxornalista – presentará algúns dos seus traballos.
Clesacontos
Pero a actividade non cesará durante todo o día no Centro Sociocultural de Zas con citas para todos e todas. O día arranca cunha actuación musical dirixida ao público infantil e que chega da man de Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bulebule”. A cita comeza ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e a entrada é de balde.
Xa pola tarde, o público adulto poderá participar no obradoiro de “Decoración con bastidores” impartido por Belén Sandía (de 18:00 a 20:00 horas) e no curso de “Iniciación á percusión e ao baile tradicional” do que se encargará o grupo de baile Churía. Os máis novos poderán participar tamén pola tarde no obradoiro de cociña “Xeados Saudables”, impartido pola dietista Sonia Ferreiro (16:30 a 18:00 horas) e a continuación (ás 18:00 horas) terán unha sesión de contacontos da man dos narradores de Polo Correo do Vento que lles traerán a súa obra “Clesacontos” a través da cal aprenderán forma moi divertida a importancia de alimentos como o leite e os seus derivados. Ademais terán unha degustación.
Todas as actividades son de balde e están organizadas polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura.