O Concello de Zas organiza unha excursión ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
17-07-2018
Como vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello de Zas – a través da Concellería de Cultura – organiza unha excursión ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, en Pontevedra. A viaxe, que será o próximo 27 de xullo, está dirixida a nenos e nenas de 7 a 16 anos xa que ésta é unha actividade que forma parte do programa de conciliación familiar e laboral “Zas no verán!” no que se inclúe unha ampla oferta de obradoiros, campamentos, excursións e outras actividades que se desenvolven durante estes meses de xullo e agosto.
Durante a excursión, os participantes adentraranse na Idade do Bronce a través dunha visita guiada, observarán petroglifos e a reconstrucción dunha aldea da época. Tamén terán a oportunidade de participar nos obradoiros “A voltas co lume” e “Caza na Prehistoria”.
A hora de saída prevista é ás 10:00 horas (dende a entrada do CEIP Labarta Pose de Baio) e ás 10:15 horas (dende a Praza do Concello de Zas) e o regreso está previsto para as 20:00 horas.
Inscricións
O prazo de inscrición está aberto ata este venres, día 20 de xullo, ou ata completar as 50 prazas dispoñibles. O prezo da excursión é de 6€ para os/as empadroados/as e de 10€ para os/as non empadroados/as.
Os/as interesados/as en anotarse poden facelo no Centro Sociocultural de Baio ou no de Zas ou a través dos números de teléfono 981 751 398 e 981 718 056 (de luns a venres en horario de 09:30 a 14:00 horas).