O Concello de Zas pon en marcha un amplo programa de conciliación laboral e familiar

06-07-2018

 

O Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, vén de poñer en marcha un completo e diverso programa de actividades de verán co que se pretende, por unha parte, ofrecer unha oferta de ocio para os nosos nenos e nenas e, por outra, ser unha medida conciliadora da vida familiar e laboral. Desta forma, ao longo dos meses de xullo e agosto desenvolveranse nos Centros Socioculturais de Baio e de Zas varios campamentos e obradoiros dirixidos ás distintas etapas escolares e tamén haberá excursións a distintos puntos da nosa xeografía.

Os máis pequenos, con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, teñen varias propostas a longo destes meses. A primeira, que xa comezou o pasado luns, é un Campamento Urbano e Deportivo que se desenvolve entre as 10:00 e as 14:00 horas en Baio. A próxima semana, do 9 ao 13 de xullo, o campamento trasládase ao Centro Sociocultural de Zas no mesmo horario.

Tamén a próxima semana haberá un taller para os nenos e nenas de 8 a 14 anos. Nesta ocasión, será un Taller Tecnolóxico no que aprenderán a programar, a crear videoxogos e incluso profundizarán nalgunhas técnicas que se empregan no audiovisual como o “Stop Motion”. O obradoiro será en Baio os días 9, 12, 13 e 17 de xullo en horario de 10 a 12 horas.

Dentro da programación do verán do Concello de Zas, inclúese un ano máis o Campamento en Naturmaz no que durante tres días os participantes estarán en contacto directo coa natureza a través de xogos, deportes, talleres,…. Este campamento está dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos e será os día 18, 19 e 20 de xullo. Eses mesmos días, seguirá habendo actividade para os máis pequenos (de 4 a 7 anos) cuns talleres específicos para eles.

Outra das novidades no programa de actividades deste verán chegará o 23 de xullo. Día no que as Torres do Allo desvelarán todos os seus agochos a través dunha completa mañá de actividades. “Un día nas Torres do Allo” está dirixido a nenos e nenas de 4 a 12. E antes de meterse de cheo na Semana Cultural (que será do 29 de xullo ao 4 de agosto), os máis novos poderán participar nunha excursión para coñecer o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro, en Pontevedra. A saída será o venres, 27 de xullo, e poderán ir os nenos e nenas de 7 a 16 anos.

Agosto

Despois da Festa da Carballeira, o programa volverá a Baio cun novo Campamento Urbano e Deportivo que se levará a cabo entre os días 7 e 9 de agosto e que se repite en Zas os días 27, 28 e 29 de agosto. Será entre as 10:00 e as 14:00 horas e está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos. Xa o 14 de agosto, o Concello de Zas organiza a xa tradicional excursión ao Aquapark de Cerceda na que poderán participar os veciños e veciñas dos 8 aos 16 anos. En colaboración co AD Zas Tenis de Mesa, realizarase un Campamento Multideportivo entre o 20 e 24 de agosto. Esta é unha actividade dirixida a nenos e nenas de 7 a 16 anos e que se desenvolverá no pavillón municipal de Zas entre as 10:00 e as 20:00 horas. Para os máis pequenos (de 4 a 7 anos) haberá novamente talleres durante as mañás. E co fin de coñecer o noso municipio, volven os Venres a Pé; unha actividade na que pode participar todos aqueles veciños e veciñas maiores de 7 anos e que se realizará os días 10, 14 e 17 de agosto. A saída é ás 10:00 horas. Durante o verán tamén haberá tempo para participar noutras actividades en familia; tales como o día da Bici (12 de agosto), as Noites de Cine (en Carreira, Fornelos e nas Torres do Allo) e nas visitas teatralizadas que se realizan todos os domingos ás 19:30 horas nas Torres do Allo. Ademais de todas estas actividades, durante os meses de xullo e agosto estarán abertas as piscinas municipais de Zas e de Baio onde, ao mesmo tempo, se realizan cursos de natación dirixidos a distintos grupos de idade.

Información e inscricións

Para participar en calquera destas actividades, é necesario inscribirse con antelación. As inscricións pódense facer no Centro Sociocultural de Baio ou no de Zas (de luns a venres en horario de 09:30 a 14:00 horas). Ou a través dos números de teléfono 981 751 398 ou 981 718 056.

Compartir: