O verán chega a Zas cun completo programa para todas as idades
21-06-2018
Comezou o verán e con el a programación cultural e de ocio posta en marcha polo Concello de Zas e na que se inclúen actividades para todas as idades.
Como vén sendo habitual, durante os meses de xullo e agosto ofertaranse os cursos de natación nas piscinas municipais de Baio e de Zas e nas que haberá distintos grupos en función das idades. O único requisito para participar é ser posuidor/a do carné da piscina que se pode tramitar nas dependencias administrativas do Concello de Zas.
Os máis novos poderán adquirir coñecementos do mundo audiovisual cun obradoiro tecnolóxico no que se abordarán distintos temas como a programación, a técnico do Stop Motion e mesmo a creación de videoxogos con Scratch. Éste é un obradoiro dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. Os talleres desenvolveranse no centro sociocultural de Zas (os días 3, 4, 5 e 6 de xullo) e no de Baio (9,12 ,13 e 17 de xullo). O número de prazas está limitado a 12 persoas por cada unha das localidades e ten un custe de 5€ empadroados/as e 10€ non empadroados/as.
Tamén como de costume, o Concello de Zas oferta distintos campamentos urbanos, deportivos e de contacto coa natureza. Os campamentos urbanos e deportivos están dirixidos a nenos e neas de 4 a 12 anos e realizaranse tamén no centro sociocultural de Zas (9,10,11,12 e 13 de xullo e 27, 28 e 29 de agosto) e de Baio (2, 3, 4, 5 e 6 de xullo e 7,8 e 9 de agosto); ambos en horario de 10:00 a 14:00 horas. A inscrición ten un custe de 5€ empadroados/as e 10€ non empadroados/as. E para os que queira descubrir novas experiencias, poden facelo a través do campamento de tres días en Naturmaz nos que se inclúe aloxamento en albergue, comidas e distintas actividades como tirolesa, escalada, paintball, circuíto multiaventura, rappel, tiro con arco, piragüismo, sendeirismo con orientación, actividade con cabalos, manta raia, busca do tesouro, xogos, veladas e moito máis. Os destinatarios son nenos e nenas de 7 a 14 anos e o campamento será os días 18, 19 e 20 de xullo. O número de prazas dispoñible é de 45 e o custe é de 50€ empadroados/as e 95€ non empadroados/as. E un ano máis, o A.D. Zas organiza para os días 20, 21, 22, 23 e 24 de agosto un campamento multideportivo que se desenvolverá no pavillón municipal de Zas. Hai un total de 30 prazas dispoñibles e o custe é de 100€ (xantar incluído) 60€ (sen xantar).
Outra das actividades da programación de verán son as Noites de Cine que se relizarán nas parroquias de Carreira (21 de xullo ás 22:30 horas, “Kong: La isla calavera”); Fornelos (11 de agosto ás 22:00 horas, “La la land: La ciudad de las estrellas”); e nas Torres do Allo (24 de agosto ás 22 horas, “Os mortos van á présa”).
Durante o verán tamén haberá tempo para descubrir todos os agochos do pazo das Torres do Allo, unha cita que se suma á programación propia do pazo. Ésta é unha actividade que leva por título “Un día nas Torres”, que está dirirxida a nenos e nenas de 4 12 anos que se realizará entre as 10:00 e as 14:00 horas do 23 de xullo e na que poderán coñecer como era a vida nos pazos galegos a través de obradoiros, xogos, búsqueda do tesouro...
Uns días máis tarde, o 27 de xullo, está programada unha excursión ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro, en Pontevedra, e que está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 16 anos. Con esta actividade, os participantes adquirirán coñecementos sobre a Idade do Bronce a través dunha visita guiada, observarán petroglifos e a reconstrución dunha aldea da época. Ademais, tamén participarán en dous obradoiros: “A voltas co lume” e “Caza na Prehistoria”. Están dispoñibles 50 prazas e o custe é de 6€ empadroados/as e 10€ non empadroados/as.
Tamén en xullo, o día 29, será a tradicional concentración de motos clásicas que xa vai pola súa cuarta edición. As motos concentraranse ás 10:00 horas en Baio dende onde partirán para visitar distintas localidades da Costa da Morte. Haberá agasallos entre os/as participantes despois do xantar a actividade ten un custe de 15€ por participante. Xa en agosto, celebrarase unha nova edición do día da bici (12 agosto) e unha excusión ao Aquapark de Cerceda (14 de agosto).
Os venres de agosto estarán adicados ás andainas a través da actividade “Os venres a pé” e que están dirixidos a maiores de 7 anos e adultos. A través destes percorridos – que serán os días 10, 17 e 24 de agosto – os participantes coñecerán as disintas parroquias do concello.
Carballeira de Zas
Ao redor dunha das citas máis internacionais do noso concello , a Festa da Carballeira de Zas, organizase unha ano máis unha completa semana cultural que arranca o 29 de xullo e da que ampliaremos información proximamente.
Festa infantil
Pero unha das citas máis agardadas dos nosos pequenos e pequenas é a festa infantil que se celebra no campo de fútbol e na piscina de Zas. Este ano a cita é o vindeiro 7 xullo. Así entre as 16:00 e as 20:00 horas non haberá tempo para o aburrimento xa que haberá xogos e actividades para todos e todas. Obradoiros, inchables, tobogáns acuáticos, festa da espuma, tiro con arco e unha merenda a base de flocos de millo serán os pratos fortes deste días.
Na Festa Infantil poderán participar nenos e nenas de todas as idades do Concello de Zas que deberán traer bañador e chanclas para poder desfrutar da piscina.