O goberno municipal de Zas esíxelle ao Sergas que aclare os motivos da redución de horas no servizo de pediatría
06-06-2018
O goberno municipal de Zas súmase á indignación das familias do noso concello despois de que o Sergas - Servizo Galego de Saúde – reducise de 35 a 15 horas semanais o servizo de pediatría o cal se traduce nunha diminución da calidade de asistencia para centos de nenos e nenas do municipio.
“Descoñecemos os motivos polos que se recortan 20 horas na atención de pediatría” sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen espera obter esta mesma semana unha resposta do Sergas sobre os motivos desta redución así como a duración da mesma. “Queremos saber por que se fixo esta redución de horas neste servizo así como saber se é unha medida puntual ou definitiva”, indica Muíño. Dende principios desta semana, o especialista en pediatría presta asistencia en días alternos nos centros de saúde de Zas e Baio entre as 12:00 e as 15:00 horas cando até o de agora o facía de 08:00 a 15:00 horas.
A situación agrávase nas horas nas que non está dispoñible o servizo de pediatría en Zas xa que as familias vense obrigadas a recorrer ao servizo de urxencias para solucionar calquera problema propio da atención primaria. Ademais esta situación causa un dobre malestar entre as familias xa que “se teñen que ir ao PAC de Vimianzo enredan polo menos unha hora cando da outra forma poderían solucionalo en dez minutos o que en moitas ocasións lles obriga botar man dos avós ou de terceiras persoas”, sinala o alcalde. Manuel Muíño esixe que por parte da Xunta, que é a administración competente en materia sanitaria, se adopten as medidas precisas para que os nenos e as nenas do noso concello reciban a atención médica que precisan e merecen.