O Concello de Zas reparte máis de 1.100 mascarillas e xel hidroalcohólico entre o alumnado

22-03-2021

 

O Concello de Zas continúa loitando contra a Covid-19 e repartirá máis de 1.100 máscaras e xel hidroalcohólico entre o alumnado do municipio. En concreto, cada alumno e alumna recibirá un estoxo que contén dúas mascarillas reutilizables e un bote de xel hidroalcocólico con forma de chaveiro co fin de facilitar o seu uso e transporte. 

O reparto realizarase en colaboración cos centros educativos do noso municipio e co CEIP de San Cosme de Antes, de Mazaricos, no que hai 4 estudantes empadroados no Concello de Zas. Os estoxos entregaránse este mércores, 24 de marzo, aos directores de cada un dos centros educativos para que dende aquí se distribúan entre o alumnado. Esta é a relación de estoxos que recibirá cada centro:

  • CPI de Zas: 142 
  • CEIP Labarta Pose: 160 *
  • IES Maximino Romero de Lema: 254 * 
  • CEIP San Cosme de Antes (Mazaricos): 4

* Tanto no CEIP Labarta Pose coma no IES Romero de Lema os estoxos entregaránselle a todo o alumnado, empadroado ou non no Concello de Zas.

Esta iniciativa, promovida polo equipo de goberno, ten como obxectivo dotar aos alumnos e alumnas dos medios de prevención necesarios para facerlle fronte á Covid-19 ademáis de colaborar coas familias reducindo o gasto que teñen que realizar neste tipo de protección. 

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, incide en que aínda que a situación mellorou notablemente e que o número de contaxios no noso municipio descendiu ata os cero casos nos últimos días “é importante seguir mantendo a responsabilidade e cumprir con todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias”. Muíño recordou que agora que veñen as vacacións de Semana Santa non se debe de baixar a garda e debemos manter todas as precaucacións para evitar unha cuarta onda.

 

Dende o inicio da crise sanitaria provocada pola Covid-19, o Concello de Zas repartiu diverso material de protección entre o persoal do Centro de Saúde, persoal do Servizo de Axuda no Fogar, membros de Protección Civil, Policía Local e traballadores municipais. Ademáis, no pasado mes de abril e en pleno estado de alarma, o Concello de Zas repartiu 4.500 máscaras cirurxicas entre a veciñanza. A distribución realizouse vivenda por vivenda e o material adquiriuse con fondos propios nun momento no que este era un produto que escaseaba no mercado. 

Novas relacionadas

Compartir: