O Centro Sociocultural de Baio acolle a exposición “Ao Son da Fotografía” con imaxes antigas recompiladas polo alumnado do IES Maximino Romero de Lema

05-11-2019

O Centro Sociocultural de Baio acolle durante todo o mes de novembro unha exposición de fotografías anteriores aos anos 70 do século XX recompiladas polos alumnos e alumnas de segundo de bacharelato da especialidade Imaxe e Son do IES Maximino Romero de Lema. A mostra, bautizada como “Ao son da fotografía”, está incluída dentro do proxecto “Ao son do rural” posto en marcha o ano pasado polo centro de ensinanza secundaria de Baio.

A exposición está composta por trinta imaxes de diferentes temáticas entre as que se inclúe a escola, traballos tradicionais, festas ou mesmo a emigración. Todas son fotografías que conforman un valioso patrimonio cultural e que son un gran medio de difusión de coñecemento en todos os ámbitos. 

Este é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso que ten como obxectivo crear un arquivo fotográfico dixitalizado que recolla o noso pasado cultural, principalmente enfocado no rural, o noso modo de vida e as nosas costumes.

Horarios

A mostra está aberta ao público durante todo o mes de novembro e o horario de visita é de martes a venres de 15:30 a 21:30 horas e os sábados de 10:00 a 18:00 horas.

Por outra banda, recordámoslle a toda a veciñanza que o Concello de Zas ten en marcha o programa “Zas na memoria”  a través do cal percorremos o noso municipio a través de imaxes antigas. Pódese acceder a el a través da dirección electrónica  http://memoria.concellodezas.org e todas aquelas persoas que o dexesen poden achegar as súas fotografías para a súa posterior dixitalización e difusión. 

 

Novas relacionadas

Compartir: