Zas pon en marcha un novo proxecto dixital para recuperar o seu arquivo fotográfico

19-01-2019

 

O Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, vén de poñer en marcha un novo proxecto dixital co que se pretende percorrer “polo miúdo” o noso municipio a través das fotografías e facendo que todos os veciños e veciñas participen na iniciativa ben identificando as imaxes ou achegando novas fotografías que axuden a enriquecer a nosa historia.

 “Zas na memoria” é unha plataforma de almacenamento fotográfico similar a unha rede social e que nace baixo o soporte de Phottic á que se accede a través do seguinte enlace: http://memoria.concellodezas.org. A ferramenta, que permite expoñer e ordenar coleccións fotográficas, ten un alto compoñente informativo e participativo. Cada imaxe conta cunha ficha individualizada na que consta a data, o lugar, e incluso unha descrición da fotografía; unha información que poderán completar os usuarios. Serán os usuarios tamén os que axuden a completar o fondo fotográfico de “Zas na memoria”. Para iso, deberán rexistrarse na plataforma e subir eles mesmos a/s súa/s fotografía/s que serán validadas por un administrador.

Actualmente xa están subidas á web máis de 150 imaxes coa idea de que o álbum se incremente coas achegas que faga a veciñanza e que axuden a recuperar unha boa parte da historia do noso municipio. O álbum está composto por imaxes que demostran como era Zas en épocas pasadas (imaxes da praza do Concello, as Escolas Agra Regueiro…) así como a nosa historia e costumes a través de instantáneas tomadas na romaría da Santa de Muíño, as populares festas do Carmen de Zas, a procesión de San Cristovo de Baio,…  

Compartir: