O Concello de Zas imparte dous cursos prácticos sobre a súa sede electrónica

16-10-2019

Uns meses despois da súa renovación, o Concello de Zas impulsa a súa sede electrónica coa realización de dúas accións informativas e formativas que se realizarán ao longo do próximo mes de novembro.

A primeira das sesións será o día 12, en horario de 10:00 a 12:00 horas, e está dirixida ao público xeral. Mentres que a segunda está dirixida especificamente aos representantes das diferentes asociacións e realizarase o día 26 no mesmo horario. 

Nos dous casos o obxectivo é dar a coñecer o uso desta ferramenta que facilita a realización de diferentes trámites administrativos así como a reducir as xestións presenciais. Para iso abordaranse os distintos métodos necesarios para identificarse telematicamente coas Administracións públicas e, ao mesmo tempo, coñecer de forma pormenorizada todos os trámites que se poden realizar a través da sede electrónica do Concello de Zas; tales como solicitar un certificado de empadroamento, descargar impresos ou consultar información oficial, entre moitos outros.

Inscricións

As persoas interesadas poden inscribirse de forma gratuíta chamando ao Concello de Zas a través do número de teléfono 981 70 83 03 e dirixíndose á Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local. Nos dous casos as prazas son limitadas.

Esta é unha iniciativa organizada polo programa PEL – Concello Dixital; que é un proxecto da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Zas.

Novas relacionadas

Compartir: