O Concello de Zas estrea sede electrónica a través da cal a veciñanza poderá realizar distintos trámites administrativos

11-02-2019

O Concello de Zas puxo en marcha o pasado xoves, 7 de febreiro, a súa nova sede electrónica a través da cal a veciñanza poderá realizar diferentes trámites electrónicos sen a necesidade de acudir ás dependencias municipais.

Ademais dun novo aspecto e de importantes melloras no seu uso e funcionalidade, a nova sede adherida ao Proxecto Provincial de Implantación da Administración Electrónica incorpora novidades. Entre elas destaca o acceso a través do Sistema Cl@ve que lle permite ao cidadán a tramitación a través de clave PIN ou clave permanente, a maiores do certificado electrónico e DNI-e.

Coa nova sede, os veciños e veciñas de Zas poderán solicitar telematicamente distintos trámites que se ampliarán co tempo. Dende agora, xa se poden realizar trámites como solicitar un certificado de empadronamento, a descarga de distintos impresos e a solicitude de diferentes trámites en distintas área como urbanismo, servizos sociais,… A nova sede electrónica do Concello de Zas incorpora tamén un Taboleiro de Anuncios onde os veciños e veciñas poden consultar toda a información oficial.

“Esta nova ferramenta supón un avance importante para toda a veciñanza xa que a través dela poderán realizar os trámites administrativos que precisen a calquera hora e todos os días do ano e dende os seus fogares”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. A nova sede electrónica xa se pode consultar a través do seguinte endezo electrónico: https://sede.concellodezas.org.

Compartir: