O Goberno Municipal de Zas esixe que o Sergas explique os motivos da cancelación das citas no servizo de pediatría
10-05-2019
Sen previo aviso e sen ningún tipo de explicacións un bo número de nenos e nenas do noso municipio quedaron onte sen atender despois de que se cancelaran as súas citas programadas para o servizo de pediatría. Segundo as queixas recibidas esta mañá, a situación agrávase moito máis xa que tampouco é posible pedir cita dentro deste servizo para os próximos días 13 e 29 de maio. Estes feitos obrigan ás familias a recorrer ao servizo de urxencias para solucionar unha consulta propia da atención primaria colapsando así as urxencias e tendo que desprazarse a outros centros de saúde.
“Descoñecemos totalmente os motivos destas cancelacións”, indica o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. Ante esta situación, o Concello de Zas presentará mañá unha reclamación no Sergas – Servizo Galego de Saúde – para trasladarlle, por unha parte, o malestar da nosa veciñanza e, por outra, para solicitar que de unha vez por todas se garanta o servizo nos dous centros de saúde do noso municipio.
Despois dos recortes do ano pasado, o servizo de pediatría no concello de Zas reduciuse a 15 horas de atención semanal repartidas nos centros de saúde de Zas e de Baio. Unha atención que tanto para o goberno municipal como para os centos de familias afectadas resulta insuficiente.