O Goberno Municipal de Zas pide a dimisión do Conselleiro de Sanidade

23-02-2019

O deterioro da sanidade pública galega en xeral e no caso de Zas en particular centraron a orde do día do pleno extraordinario e urxente celebrado onte no Concello de Zas e que se convocou a raíz da solicitude presentada o pasado 14 de febreiro pola Coordinadora “Zas sen recortes en pediatría”.

O grupo de Goberno Municipal, encabezado por Manuel Muíño Espasandín, denunciou o deterioro da sanidade pública galega que se vén producindo dende o ano 2009 con rebaixas nos orzamentos para a atención primaria, con listas de agarda, con peche de camas nos hospitais, con contratos lixo para os profesionais sanitarios e cunha “evidente estratexia de privatización”. Segundo sinalou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, todas estas medidas responden á folla de ruta do Partido Popular e son obxecto das múltiples mobilizacións e folgas dos últimos meses en toda a comunidade galega.

Durante a sesión plenaria tamén se abordou o caso particular da sanidade pública no Concello de Zas. “A lamentable e insostible situación sanitaria no Concello de Zas non só se reduce aos recortes no servizo de pediatría se non tamén ao estado dos dous centros de saúde que temos no noso municipio”, indicou Muíño. Na súa intervención, o Alcalde deu conta da reunión que mantivo en xullo do 2017 co Conselleiro de Sanidade na que lle expuxo as principais necesidades de mantemento e conservación que ten o centro de saúde de Zas así como as posibles melloras para acondicionar e ampliar o centro de saúde de Baio “en vistas de que as promesas que fixeron ata en dúas ocasións de construír un novo ainda non foron adiante”. “Sigo esperando pola resposta do conselleiro”, dixo Muíño.

 

Acordos

Ao pleno de onte asistiron pais e nais usuarios do servizo de pediatría así como representantes da Coordinadora “Zas sen recortes en pediatría”. Ante a súa presenza, o Alcalde de Zas deulle os parabéns por todas as medidas levadas a cabo coas que pretenden restablecer o servizo de pediatría no noso municipio e recuperar así as 35 horas de atención semanal en lugar das 15 actuais. Manuel Muíño expuxo no pleno o trato que recibiron o pasado xoves catro dos integrantes da Coordinadora durante a visita que realizou o Presidente do PP ao noso municipio e que segundo explicou o rexedor se manifestaban “libre e pacificamente e as confinaron nunha esquina da praza do Concello limitando a súa liberdade de movementos cando o único que piden é un servizo pediátrico en condicións para os nosos nenos e nenas”, explicou o Alcalde. “Queremos agradecerlle a súa labor e animar a toda a veciñanza a apoialos nas súas accións xa que están loitando por algo que é para todos e todas. Ademais, o noso grupo de goberno lamenta e rexeita o trato que recibiron os catro veciños durante a visita do Presidente do PP”, manifestou o Alcalde de Zas.

Despois do debate sobre a situación da sanidade pública no noso municipio, o BNG de Zas propuxo unha serie de acordos que teñen como fin mudar esta situación e que sairon adiante cos votos a favor dos concelleiros do BNG mentras que os do PP se abstiveron. Estas son as propostas aprobadas no Pleno de onte:

  1. Os recortes feitos polo Partido Popular, puxeron e poñen en risco a saúde dos galegos, polo tanto esta corporación municipal condena os recortes efectuados polo Partido Popular no sistema sanitario galego e esixe a dimisión do Conselleiro de Sanidade pola súa responsabilidade nos mesmo e pola súa nefasta e deficiente xestión da sanidade galega. 
  2. Por non atender as demandas veciñais e as da propia alcaldía referidas a: construción ou arranxo do centro de saúde de Baio; arranxo das deficiencias do centro de saúde de Zas; o restablecemento das 35 horas do servizo de pediatría do noso Concello esta corporación municipal esixe a dimisión do Conselleiro de Sanidade pola súa responsabilidade nos feitos anteriores.
  3. Esta corporación municipal apoia todas as accións que se levaron a cabo dende a Coordinadora “Zas sen recortes en pediatría” así como as accións futuras que se realizarán co fin de que o noso municipio recupere as 35 horas de atención pediátrica. Esta corporación municipal esixe a dimisión do Conselleiro de Sanidade por non recibir nin ao alcalde nin aos responsables da Coordinadora “Zas sen recortes en pediatría”. Esta corporación rexeita os feitos que se produciron onte (en referencia ao xoves) durante a visita do Presidente do Partido Popular ao Concello de Zas con catro persoas que estaban manifestándose libre e pacificamente cunha pancarta e as confinaron a unha esquina da praza do Concello limitando así a súa liberdade de movementos.
Compartir: