Asinado o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para as obras de mellora da Avenida da Cacharosa
12-04-2019
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto; e o Alcalde de Zas e deputado provincial, Manuel Muíño;, asinaron esta mañá na sede da Deputación da Coruña o convenio de colaboración para a primeira fase das obras de mellora da Avenida da Cacharosa, en Baio. Segundo se recolle no texto, a Deputación da Coruña cofinanciará o 80% do investimento - que ascende a 117.899,34 euros - mentas que o restante 20% asúmeos o Concello de Zas.
Xesús Soto e Manuel Muíño manifestaron a súa satisfacción por este novo acordo de colaboración que lle permite ao Concello de Zas continuar co seu plan de mellora das infraestruturas incrementando así a calidade dos servizos que se ofrecen á veciñanza.
Os traballos
O proxecto contempla a renovación da rede de saneamento e de abastecemento de augas polo marxe esquerdo da estrada (dirección A Coruña) así como a renovación das beirarrúas a ambos marxes da estrada AC-552 coa pertinente eliminación das barreiras arquitectónicas. Os traballos realizaranse concretamente entre os puntos quilométricos 57,600 (cruce de Baio Pequeno) e 57,200 (cruce de Zas). Actualmente esta é unha zona que presenta importantes avarías debido á fluctuación das presións o cal require unha urxente intervención.
Nas próxima datas poñerase en marcha o proceso de licitación das obras para que as empresas interesadas poidan presentar as ofertas.