O Nadal chega a Zas cargado de propostas para todos os públicos
10-12-2018
O teatro, a música, os contacontos, os obradoiros e a maxia volven a Zas este Nadal da man dun completo programa de actividades que, un ano máis, organiza o Concello de Zas a través da Concellería de Cultura e en colaboración con varias entidades culturais e centros educativos do municipio. Na programación inclúense actividades para todos os públicos ainda que os nenos e as nenas serán os principais protagonistas do Nadal. As actuacións repártense por distintas ubicacións do noso municipio e algunhas delas realizaranse nos propios centros educativos do municipio dentro do horario escolar co fin de que todos os nenos e nenas do noso concello desfruten do mellor Nadal posible.
O programa de Nadal arranca xa este martes, 11 de decembro, cunha sesión de contacontos infantil na Axencia de Lectura de Baio da que se encargará Trinke Trinke Teatro. Dentro das propostas infantís tamén se inclúe “Inmóbile”; unha función cargada de humor que interpretará Isla Letrisca o luns 17 de decembro ás 10:00 horas para o alumnado do CPI de Zas e ás 12:30 horas para o do CEIP Labarta Pose. “Os Fabulosos Cleaners”, de Malasombra Teatro, será outra das funcións dirixidas ao público escolar e que terá lugar o mércores, 19 de decembro, ás 11:30 horas no Auditorio do Concello e o xoves, 20 de decembro, ás 12:30 horas no Auditorio de Baio. E ao día seguinte, o venres 21 de decembro, a programación do Nadal de Zas trasládase ao IES Maximino Romero de Lema onde se proxectará “Sicixia”; un filme rodado en boa parte na Costa da Morte e que xa recibiu numerosos recoñecementos. “Levar o programa de actividades aos propios centros educativos permítenos chegar a todos os nenos e nenas do noso concello ofrecéndolle actividades adaptadas a cada ciclo nas que sempre se promove a educación en valores”; sinala Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura.
Obradoiros infantís
Na programación de Nadal tamén se contempla a conciliación laboral e familiar das familias do nosos municipio. Para iso, o Concello de Zas poñerá en marcha uns obradoiros e xogos de Nadal que se impartirán durante as vacacións escolares e que están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos.
A primeira quenda será os días 26, 27 e 28 de decembro entre as 16:00 e as 19:00 horas no Centro Sociocultural de Baio. Xa os días 2, 3 e 4 de xaneiro as actividades trasládanse ao Centro Sociocultural de Zas e desenvolveranse entre as 10:00 e as 13:00 horas. Para participar nestes obradoiros é necesario anotarse previamente chamando ao 981 718 056 ou 981 751 398.
Programación para adultos
Como vén sendo habitual en Zas polo Nadal tamén haberá actividades para o público adulto coas que pretende, por unha banda, ofertar unha alternativa de ocio e de lecer diferente e, por outra, incentivar o movemento económico nas nosas vilas. A primeira das citas para o público adulto é este sábado, 15 de decembro ás 21:00 horas, no Auditorio do Concello. Nesta ocasión, a compañía de teatro Contraproducións trae a Zas a súa obra “Fillos do Sol”. E xa ao día seguinte, o domingo, 16 de decembro. Emilio Rúa e Rosa Cedrón levarán o seu espectáculo musical ata as Torres do Allo. A función, á que poden asistir todos os públicos, comeza ás 18:00 horas.
E no Nadal de Zas tampouco podían faltar as risas. Diso encargaranse Celso Sanmartín e Quico Cadaval que actuarán no Auditorio de Baio o sábado 22 e o sábado 29 de decembro, respectivamente. As dúas funcións son de balde ata completar aforo e comezan ás 21:30 horas.
PanxoliñaZas
Outra das actividades que non podía faltar na programación de Nadal de Zas é o concurso “PanxoliñaZas” no que se repartirán 400 euros en premios. No certame, que persegue fomentar o uso da lingua e das novas tecnoloxías así como de manter as tradicións, pode participar calquera veciña ou veciño do concello independentemente da súa idade. Para participar tan só ten que enviar un vídeo, realizado tanto de forma individual coma en grupo, cantando en galego unha panxoliña ou un canto de Aninovo que poden ser tradicionais ou de creación propia. O prazo de presentación dos traballos remata o 21 de decembro. Haberá premios para o vídeo máis popular en Facebook, pola presentación e posta en escena, pola fidelidade á tradición galega e un vídeo infantil. En total outorgaranse catro premios de 100€ cada un xunto cun diploma acreditativo.
Cabalgata de Reis
E a maxia do Nadal percorrerá o noso concello o 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, acompañados dun gran séquito de paxes, que visitan as nosas parroquias ao longo de todo o día. As carrozas partirán ás 10:00 horas de Andregalla para dende alí emprender unha viaxe por todas as parroquias do Concello de Zas. Ademais de moita ilusión, Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán ducias de caramelos entre os nosos veciños e veciñas. Tamén terán tempo para falar con eles e para entregarlle as cartas nas recepcións reais que realizarán despois do percorrido no pavillón municipal de Baio e no Centro Sociocultural de Zas.
Alí estarán acompañados de cadansúa actuación infantil das que se encargará Rudi Rudi en Baio e As Sircópatas en Zas.
Baile para maiores
No programa deste Nadal en Zas tamén un espazo especial os nosos maiores. Para eles haberá actuacións especiais durante os sábados do Nadal no Centro Sociocultural de Zas. Alí poderán bailar e divertirse coas actuacións do dúo D`Café (15 de decembro), do dúo Tal para Cual (22 de decembro) e do dúo Charada (29 de decembro) e doutra actuación especial (ainda sen confirmar) para a noite de Reis.