O Concello de Zas pon en valor a “ruta dos pazos barrocos” coa contratación de persoal técnico en patrimonio
30-11-2018
Co fin de dispoñer de persoal especializado para poñer en valor a Ruta dos Pazos Barrocos, o Concello de Zas vén de publicar as bases para a contratación dun técnico/a de Patrimonio con carácter temporal.
As tarefas que deberá desempeñar a persoa seleccionada consistirán na elaboración de documentos de traballo e de guías didácticas sobre a Ruta dos pazos barrocos e outros recursos turísticos do municipio de Zas, a divulgación da ruta entre os distintos colectivos, a atención a visitantes individuais e en grupo ou a información turística aos visitantes polas distintos canles de comunicación; ademais de proporcionar información sobre recursos turísticos, culturais e naturais; realizar tarefas administrativas xerais e participar nos seminarios de formación en temas relacionados co turismo.
Os/as interesados/as en participar no proceso de selección teñen un prazo de 4 días hábiles, que empezarán a contar a partir do luns, 3 de decembro, para presentar as súas instancias nas dependencias administrativas do Concello de Zas. A selección realizarase mediante o procedemento de concurso-oposición e o contrato terá unha duración de tres meses e a xornada completa. O Concello de Zas dispón para a prestación deste servizo dunha axuda da Deputación da Coruña dentro do Programa de subvención a concellos e entidades locais para contratar persoal técnico para a atención de museos e centros de interpretación durante o ano 2018.