O Concello de Zas dispón dun novo tractor con desbrozadora e trituradora para o mantemento da rede viaria municipal
28-11-2018
O Concello de Zas vén de ampliar os seus equipamentos tras a adquisición dun tractor da marca McCormick e de dous aparellos (unha desbrozadora de brazo e unha trituradora). Con este novo vehículo reforzaranse os traballos de limpeza integral que realiza durante todo o ano Concello de Zas nos centos de quilómetros da rede municipal de pistas, camiños forestais e espazos públicos e que que se intensifica nos meses da primavera e do verán.
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o Tenente de Alcalde, Óscar Lema, recepcionaron a pasada semana o novo equipamento que se adquiriu grazas a un convenio entre o Concello de Zas e a Consellería de Medio Rural. O importe total do novo equipamento ascendeu a 94.380 euros, dos cales o Concello de Zas asumiu os correspondentes ao IVE.
“Este tipo de maquinaria é imprescindible para un concello rural como o noso no que é fundamental o mantemento dos centos de quilómetros de estradas municipais e camiños forestais durante todo o ano” sinalou o rexedor de Zas durante a entrega da nova maquinaria. Os traballos de limpeza da rede viaria céntranse na mellora da visibilidade circulatoria e na limpeza das canles de desagüe das augas pluviais ademais de na contribución á prevención de incendios.