Arranca un novo programa de actividades con 25 propostas
21-09-2018
O outono xa está a punto de chegar e con el volve un novo programa de ocio e lecer con 25 actividades diferentes e co que o Concello de Zas pretende mellorar a calidade de vida así como fomentar a socialización entre todos os veciños e veciñas do municipio. O programa, que se estende a todas as parroquias do municipio, inclúe actividades para todos os gustos e idades que van dende os diferentes tipos de deportes ata a música, as manualidades e o teatro.
No ámbito da actividade física ofértanse clases de ximnasia, ximnasia terapéutica, pilates, defensa persoal, baile de salón, tiro con arco, multixogo, patinaxe, escolas deportivas (para nenos e nenas de 8 a 12 anos), balonmán, judo, taekondo, tenis de mesa e fútbol.
No programa inclúense tamén distintas actividades relacionadas coas manualidades e coa creatividade tales como bordado, calceta, macramé, tapicería, cesteiría e sombreirería. Ademais, nos próximos meses relizarase un taller de memoria, un curso de cociña e outro de guitarra. E como vén sendo habitual, un ano máis o Concello de Zas pon en marcha unha nova edición da escola de teatro infantil e de adultos. Podedes consultar a listaxe completa no documento que aparece ao final desta nova.
Inscricións
Os/as interesados/as en asistir a algunha ou varias destas actividades teñen ata o 5 de outubro para anotarse a través do número de teléfono 981 708 303 ou na propia Casa do Concello de Zas.
As listas de admitidos/as nas diferentes actividades expoñeranse no Centro Sociocultural de Baio e de Zas. Para participar é necesario cubrir debidamente as follas de inscrición antes do pago da mesma. As actividades comezan a partir do 15 de outubro e case todas teñen unha duración de seis meses.