A campaña porta a porta recolle unhas sete toneladas de plásticos agrícolas en tres meses
28-08-2018
O Concello de Zas recolleu nos últimos meses un total de 6.830 quilos de plásticos agrícolas que pasarán a ter unha nova vida a través da reciclaxe. Os plásticos, entre os que se atopan principalmente lonas de silo, bidóns e outros envases, recolléronse nos últimos tres meses grazas á campaña porta a porta promovida polo Concello de Zas.
Este é un servizo gratuíto que se realiza en todas as parroquias do municipio ao longo de todo o ano. Ademais de ser un aforro nos gastos de xestión dos residuos sólidos urbanos, con esta campaña evítanse vertedoiros e/ou incineracións incontroladas e contribúese á protección do medio ambiente.
O servizo está especialmente dirixido a gandeiros e agricultores. Para facer uso del deberán poñerse en contacto co Concello de Zas a través do número de teléfono 981 70 83 03 onde se lle indicará o lugar no que deben depositar os refugallos o máis limpos posibles e atados de maneira que facilite a súa recollida. Os refugallos plásticos trasladaranse até a planta de tratamento onde se someterán a un proceso de reciclaxe do que se obterá materia prima para a fabricación de bolsas de lixo ou polietileno.
“Esta é unha iniciativa ambiental máis que contribúe a manter limpo o noso concello e a xestionar dun xeito correcto este tipo de refugallos que supoñen un problema para a maior parte dos gandeiros e agricultores”, sinala o Alcalde de Zas; Manuel Muíño Espasandín.