Máis de 20 nenas e nenos participan na actividade “Un días nas Torres do Allo”
24-07-2018
O pombal, o xardín, o souto e a fonte que forman parte da contorna das Torres do Allo, así como as propias salas do pazo, recibiron esta mañá a visita dos máis de 20 nenas e nenos que participaron na actividade “Un día nas Torres do Allo” organizada polo Concello de Zas.
Na xornada, na que estiveron acompañados dunhas temperaturas propias do verán, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer xogando os distintos elementos que xiran ao redor das Torres do Allo así como unha boa morea de historias que agocha o pazo máis antigo de Galicia.
Divididos en dous grupos – os pequenos e os maiores -, tiveron tempo para coñecer todas e cada unha das salas do pazo, para divertirse no xardín, de pasear polo souto de O Allo e incluso para refrescarse na fonte próxima ao monumento. Pero ao longo da mañá tamén houbo tempo para aprender, xa que os monitores da actividade explicáronlle como vivían as familias de nobres e campesiños que habitaron o pazo e os seus arredores anos atrás.
Con algúns parénteses para coller folgos, a mañá resultou do máis productiva. Xa que ademais das saídas ao exterior do pazo tamén houbo tempo para realizar uns obradoiros didácticos adaptados ás idades dos membros dos grupos. Os máis novos puxéronse en contacto coa terra e coa alimentación dos nobres e dos campesinos a través do obradoiro de sementes. Descubriron así cales eran os alimentos básicos e incluso levaron algunhas sementes para as súas casas. Pola súa banda, os maiores afondaron sobre a vestimenta da época a través do obradoiro de tecidos no que aprenderon sobre a laborosidade que hai detrás da roupa que se vestía antigamente.
Excursión
A próxima cita é este venres cunha excursión ao Parque Arqueolóxico da Arte Ruprestre de Campo Lameiro, en Pontevedra. Na viaxe participarán nenas e nenos con idades comprendidas entre os 7 e 16 anos e adentraranse na Idade do Bronce a través de distintas actividades lúdicas e participativas.
As dúas son actividades organizadas polo Concello de Zas incluídas no programa “Zas no verán!” a través do cal se facilita a conciliación laboral e familiar da nosa veciñanza.