Os participantes do programa de formación da Universidade Sénior reciben os seus diplomas
12-06-2018
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e o tenente de Alcalde, Óscar Lema, acompañaron o pasado venres, día 8 de xuño, aos alumnos e alumnas do programa de formación universitaria para maiores de 50 anos da Costa da Morte durante o acto de entrega de diplomas da XIV Promoción de Graduados e Graduadas Sénior pola Universidade da Coruña. Ao acto, que tivo lugar no Paraninfo da Reitoría da Universidade Da Coruña, asistiron unha boa parte dos máis de 65 participantes no Programa de Formación “Compartir experiencias e coñecemento” para maiores de 50 anos da Costa da Morte que se desenvolveu entre os meses de abril e maio no Centro Sociocultural de Baio.
Este foi un proxecto piloto que tivo moi boa acollida entre a veciñanza do Concello de Zas e doutros municipios limítrofes; un dato polo cal Manuel Muíño manifestou unha vez máis a a súa satisfacción por que a Universidade da Coruña elixira o noso concello para descentralizar a formación para maiores de 50 anos. A Universidade Senior da Coruña – dirixida por Matilde García – organizou este programa o en colaboración co GDR Costa da Morte e co apoio da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia.