Últimos días para anotarse no programa de formación universitaria para maiores de 50 anos

20-03-2018

O próximo xoves, 22 de marzo, remata o prazo para anotarse no programa de formación universitaria para maiores de 50 anos que impartirá a Universidade Sénior da Coruña no Centro Sociocultural de Baio.

A inscrición é gratuita e está aberta a todos os veciños e veciñas da Costa da Morte maiores de 50 anos. Os/as interesados/as en participar poden informarse a través do Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local  do seu concello ou contactando coa Axente de Desenvolvemento Local de Zas, Isabel Agra, a través do seu enderezo electrónico (isabel.agra@concellodezas.org) ou no número de teléfono 981 70 83 03, en horario de 9:00 a 14:30 horas.

“Compartir experiencias e coñecemento” é o nome deste programa piloto posto en marcha pola Universidade Sénior da UDC, en colaboración co GDR Costa da Morte e co apoio da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia, e que se desenvolverá durante os meses de abril e maio no Centro Sociocultural de Baio. O programa divídese en tres seminarios nos que se abordarán cuestións como a o patrimonio, a biodiversidade e a saúde. Dentro de cada un dos seminarios, impartidos por distintos mestres da UDC, haberá sesións teóricas-participativas e prácticas nas que se contemplan saídas de campo. As clases terán lugar os mércores en horario de 17 a 19 horas.

“Alégranos que o Concello de Zas sexa o lugar escollido para que se desenvolva este programa piloto que responde as inquedanzas culturais e sociais das persoas maiores”, manifesta Manuel Muíño, Alcalde de Zas.

Compartir: