O Concello de Zas reivindica o Día da Muller
06-03-2018
A proxección dun documental, dúas charlas e un escrito son as actividades propostas polo Concello de Zas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller que terá lugar este xoves, 8 de marzo. Esta campaña reivindicativa, posta en marcha pola Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística – encabezada por Patricia Fariña – e o Centro de Información á Muller – CIM – céntrase en actividades dirixidas a toda a veciñanza e, especialmente, aos que serán as mulleres e os homes de mañá.
Así, o salón de actos do IES Maximino Romero de Lema acolle mañá entre as 09:30 e as 11:30 horas unha xornada dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de Zas e do IES de Baio na que, en primeiro lugar, se proxectará o documental “Matriarcas”, dirixido por Ana Costa (natural de Zas) e a continuará cunha charla-coloquio na que participarán varias profesionais reivindicadoras do traballo da muller. Entre elas estarán Montse Fajardo - xornalista e escritora de libros como “Matriarcas”, “Silenciadas” e “Invisibles”, entre outros -; Carmen Valiña – xornalista, doutora en Historia Contemporánea especializada no mundo da Muller, directora do proxecto Periféricas e natural de Baio - e Marisa Amigo - empresaria e presidenta da Asociación Cultural e de Igualdade “A Pita Cega”.
“A muller traballadora no rural” será o título da charla que terá lugar o xoves, 8 de marzo, ás 18 horas no Centro Sociocultural de Zas que impartirá Inés Pequeño, asesora xurídica do CIM de Zas. A sesión é aberta á toda a veciñanza.
Ademais destas actividades, o CIM de Zas vén de publicar un escrito no que salienta o traballo das mulleres traballadoras no rural – eido no que se encontra o Concello de Zas – e a través do cal critica o longo camiño que queda por percorrer en termos de igualdade entre mulleres e homes dentro de sectores como o agrario. O escrito completo no enlace do final desta nova.