O xurado da V Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose xa elixiu as cinco obras finalistas
12-04-2022
Despois do visionado das 28 obras que se presentaron e dun “lixeiro” debate, o xurado da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose escolleu as cinco obras que se representarán nesta quinta edición. O certame, organizado polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura, terá lugar os días 23 e 30 de abril e 7, 14 e 21 de maio nos Auditorios de Zas e de Baio. Coma sempre a entrada é de balde e as funcións comezarán ás 21:30 horas.
Na V Mostra de Teatro Afecciondo Labarta Pose representaranse obras de teatro para todos os gustos nas que predomina a comedia e dirixidas principalmente ao público adulto. Este é o calendario:
- 23 abril: CASTING de Hipócrita Teatro. Auditorio de Zas
- 30 abril: OLIMPO’S de Farandoleiras Cabaré. Auditorio de Baio
- 7 maio: SOBRE O MAL QUE FAI O TABACO da Escola Municipal de AA. EE. da Estrada. Auditorio de Zas
- 14 maio: UN DESASTRE DE FUNCIÓN de Gargallada Teatro. Auditorio de Baio
- 21 maio: A DERRADEIRA CEA de Fauna 113. Auditorio de Zas
O xurado decidiu que quedaran en reserva as seguintes obras de teatro: CRIME DESORGANIZADO da Agrupación Teatral Mariñán, PORCOS DO País de Teatro do Ar e A LOLA de Avelaíña Teatro.
Premios
Nesta V Mostra de Teatro Afeccionado repartiranse 3.500 euros que se distribuirán en premios de 900, 800, 700, 500 e 400 euros cada un e que outorgará o xurado e tamén haberá un premio de 200€ para a mellor obra de teatro elixida polo público.
Tamén hai data para a entrega de premios que será o domingo 29 de maio a partir das 18:00 horas no Auditorio de Baio.