O Concello de Zas pon en marcha a V Mostra de Teatro Afeccionado que tivo que ser suspendida pola pandemia
04-03-2022
Xa hai novas datas para a V Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”, organizada polo Concello de Zas, despois de que tivera que ser suspendida en marzo do 2020 debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19.
Dende hoxe e ata 28 de marzo está aberto o prazo para que todas aquelas compañías e/ou grupos de teatro afeccionado galegos presenten as súas obras. Nas bases do certame - publicadas no Tablón de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas (https://sede.concellodezas.org/opencms/es/informacion/tablon/2022/ANUNCIO_PROG_20220303100000231.html) - pode consultarse a documentación requerida así como descargar as fichas de inscrición. Cada compañía/grupo presentará tantas obras como o desexe, das cales só unha poderá ser finalista. Entre todas as obras de teatro que se presenten, un xurado composto por membros do Concello de Zas e do grupo de Teatro Badius seleccionará cinco obras finalistas.
Os espectáculos que pasen a final representaranse os sábados 23 e 30 de abril, 7, 14 e 21 de maio ás 21:00 horas e o lugar de representación distribuirase entre o Auditorio Municipal de Zas e o Auditorio Municipal de Baio. A entrega de premios terá lugar o domingo 29 de maio ás 18:00 horas.
Premios
Na V Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” repartiranse un total de 3.500 euros en premios que se distribuirán así:
- Premio á mellor obra elixida polo xurado: 900€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á segunda mellor obra elixida polo xurado: 800€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á terceira mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á cuarta mellor obra elixida polo xurado: 500€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á quinta mellor obra elixida polo xurado: 400€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á mellor obra elixida polo público: 200€, trofeo e diploma acreditativo
Tanto a celebración da mostra como o número de público asistente ás representación está condicionada ás circunstancias concorrentes derivadas da crise sanitaria provocada pola COVID-19, así como o cumprimento das recomendacións sanitarias.
Para máis información ou consutar dúbidas, as persoas interesada poden contactar coa organización a través do enderezo electrónico mostrateatrozas@gmail.com.