Publicada a listaxe provisional dos beneficiarios da primeira liña de axudas dirixidas a autónomos/as e microempresas afectadas polo Covid-19
29-10-2020
Unha vez revisadas todas as solicitudes, acaba de publicarse no tablón de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas a listaxe provisional da primeira liña de axudas dirixidas a autónomos/as e microempresas posta en marcha polo goberno municipal de Zas e que están dirixidas a minimizar o impacto económico provocado polo Covid-19 entre o tecido empresarial local. A lista provisional pode consultarse a través da seguinte ligazón: https://sede.concellodezas.org/opencms/export/sites/zas/recursos/downloads/Tablon/20201029_ANUNCIO-PROPOSTA-PROVISIONAL-AXUDAS-COVID-19.pdf
En total recibíronse 112 peticións. Aqueles solicitantes que non achegaran a totalidade da documentación requerida nas bases da convocatoria dispoñen de dez días hábiles para subsanala ou para presentar as alegacións que estimen oportunas.
Unha vez aprobada a lista definitiva, o Concello de Zas outorgará de forma directa 1.000 euros a aqueles solicitantes que cumplan con todos os requisitos establecidos nas bases. A través desta primeira liña de axudas, o goberno encabezado por Manuel Muíño pretende minimizar o impacto do Covid-19 entre o tecido empresarial do noso municipio. Así os destinatarios/as destas axudas son aqueles autónomos/as e microempresas ubicadas no Concello de Zas que se viron obrigados/as a pechar e cesar a súa actividade tras a declaración do estado de alarma do mes de marzo ou que tendo que obrigatoriamente estar abertos tiveran unha caída dos seus ingresos superior ao 75%.
Esta primeira liña de axudas financiase integramente con fondos municipais, sendo o único concello da comarca de Soneira e Fisterra en conceder axudas económicas directas para os autónomos e microempresas.
PEL - Reactiva
Por outra banda, o Concello de Zas recibirá un total de 89.009,81€ do fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña (PEL-Reactiva) impulsado pola Deputación da Coruña que, xunto coa achega municipal para este programa de 22.252,46€, fai un total de 111.262,27 euros.
Esta nova axuda, cuxas bases se publicaran na vindeira semana, ten como obxectivo continuar co camiño iniciado polo goberno municipal de Zas coa primeira liña municipal de axudas dirixidas a autónomos/as e microempresas afectadas polo Covid-19, dotada con 150.000 euros.