Remata o reparto das máscaras cirúrxicas adquiridas polo Concello de Zas
20-04-2020
Nun tempo para marca, en tan só día e medio, un equipo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil repartiron as 4.500 máscaras adquiridas polo Concello de Zas.
A distribución realizouse vivenda por vivenda de cada unha das 16 parroquias que forman o municipio de Zas onde deixaron un sobre con dúas máscaras de tipo cirúrxico de triple capa e con certificado CE para produtos sanitarios. Con esta medida, o Concello de Zas pretende que en todas as vivendas teñan dúas máscaras hixiénicas dispoñibles para utilizar no caso de que se vexan na obriga de ter que saír da casa e que non podan respectar a distancia de seguridade interpersoal.
Despois de numerosas xestións debido á dificultade de conseguir este tipo de produtos de protección nestes momentos, o Concello de Zas adquiriu un total de 4.500 unidades. Tanto a compra da mercancía como o seu reparto fíxose seguindo os datos de poboación que manexa o Concello, onde actualmente están censadas un total de 4.472 persoas cunha media de dous habitantes por vivenda.
Xunto coas máscaras, os veciños e veciñas do Concello de Zas recibiron un protocolo para facer un uso correcto das mascarillas entregadas que se resume nos seguintes puntos:
- Lavar as mans antes de poñela
- Cubrir debidamente a boca e a nariz coa máscara
- Evitar tocar a máscara mentras se leva posta
- Cambiar a máscara cando estea húmida e non reutilizala
- Para quitala, retirar pola parte de atrás sen tocar a parte frontal
- Lavar novamente as mans
Dende o inicio desta crise sanitaria, o Concello de Zas repartiu diverso material de protección entre persoal do Centro de Saúde, persoal do Servizo de Axuda no Fogar, membros de Protección Civil, Policía Local e traballadores municipais que realizan as labores de desinfección nos exteriores dos espazos máis concurridos estes días pola veciñanza.
* Podedes ver máis imaxes da entrega de máscaras na páxina de Facebook de "Concello de Zas Actualidade Municipal"