San Cremenzo de Pazos

San Cremenzo de Pazos  (+ info. ampliada)(Actualiz. 08/03/2018)

Índice :

    1. Relevo
    2. Hidrografía
    3. Xeoloxía
    4. Demografía
    5. A orixe dos nomes dos lugares de San Cremenzo
    6. A igrexa parroquial de San Cremenzo
    7. O pazo de Daneiro
    8. Un interesante castro
    9. San Cremenzo nos documentos históricos
    10. Persoeiros/as naturais da parroquia
    11. Festas parroquiais
    12. Inventario dos bens do patrimonio de San Cremenzo(PXOM)
    13. Bibliografía básica

 POBOACIÓN (01/01/2017)

  • Castro                15
  • Daneiro                3
  • San Cremenzo 160
  • TOTAL              178

 Situada na parte N. do concello, serve de linde co de Cabana de Bergantiños (parroquia de Santo Estevo de Anos). Dentro do propio concello ten polo E a parroquia de Gándara; polo SE, a de Carreira; polo O, a de Lamas; e, polo NO, a do Allo, o seu anexo.

No Antigo Réxime esta freguesía formaba parte da xurisdición  de reguengo de Soneira. É parroquia matriz do Allo. A súa extensión acada os 11 km2, territorio no que se asentan unicamente tres lugares: San Cremenzo, Daneiro e Castro. No Diccionario P. Madoz citábanse outros dous lugares, hoxe desaparecidos: A Cotela e A Pedra que Tangue.

É unha parroquia eminentemente chá só alterada esta planitude por unha pequena elevación entre as aldeas de Castro e Daneiro por un lado e  Pereiras e Vermello (parroquia de Lamas) polo outro. O seu cume é o Alto de Castro (271 m).

Está atravesada polo río do Porto (ou Grande) con dirección variable pero na que predomina a de leste a oeste. Preto da aldea de Castro xa se ten xuntado co que vén de Mira. Nos seus 5 km aproximadamente dentro da parroquia só descende uns 10 m.

Xeoloxicamente formaría parte da Unidade Malpica-Tui, (UMT) unha banda cunha anchura de entre 4 e 9 km. O seu sector norte vai desde Malpica ata a falla da Fervenza á altura do río Xallas e nel localízanse a maior parte das terras do concello de Zas, - San Cremenzo, entre elas-  entre O Allo e o encoro da Fervenza. 

Dentro dos seus topónimos destacamos o de Daneiro, do que non existe ningún outro lugar homónimo nin en Galicia nin no resto de España. A pesar de ter sido apelido fidalgo hoxe non existe no Catálogo dos Apelidos Galegos.

A igrexa presenta planta de salón, formada por unha capela maior cuadrangular e unha nave rectangular; acaroada ó muro norte da capela maior está a sancristía de forma rectangular. O presbiterio cóbrese cunha cimbra de madeira, e a nave cun ceo raso, tamén de madeira. O retablo é de estilo neoclásico en el destacan as imaxes dun san Cremenzo imberbe pero cos atributos papais; unha Virxe do Rosario de mediados do séc. XVIII e un san Marcos.

Érguese, tamén, na parroquia o pazo de Daneiro que é unha ampla casa grande de planta rectangular cunha longa fachada duns 32 m que mira ó nacente. A mansión ten un escudo na fachada, moi desgastado pola erosión, no que aínda se aprecian as armas dos Figueroa (cinco follas de figueira), dos Moscoso (a cabeza de lobo degolada), dos Montenegro (o -M- coroado) e dos Varela (as barras); coróase o brasón cunha estrela de cinco puntas inscrita nun círculo. O seu primeiro dono foi Fernando García de Gomariz.

Hai na parroquia catalogadas tres mámoas; dúas moi preto do desvío da pista que desde Castro vai ata Daneiro e a terceira na paraxe das Landeiras, todas elas moi próximas á aldea de Castro

Conta, igualmente, a parroquia cun castro entre as aldeas de San Cremenzo e Castro á beira do río do Sisto. Desde hai xa algúns anos está a sufrir un grave proceso de deterioro porque se lle desfixeron as defensas na maior parte do seu trazado; só se lle conservan máis ou menos intactas pola beira do río.

Dentro das festividades da parroquia destacaremos a do patrón, San Cremenzo, celébrase o seu día propio, no inverno, o 23 de novembro; non hai ningunha celebración especial. Ó día seguinte tamén se celebra a san Marcos. Outras festas: a Virxe do Rosario (3 de febreiro), o Sacramento (2 de xullo) e a Virxe do Carme (último domingo de xullo). Esta última tivo verbena durante moitos anos. Non hai en ningunha delas celebración especial, na actualidade.

NON SE ESQUEZA PULSAR O ENLACE Ó FINAL DESTA PÁXINA PARA ACCEDER A UNHA INFORMACIÓN MOITO MÁIS AMPLA.

Descargas

Compartir: