Muíño

Muíño (San Tirso) (+info ampliada) (Actualiz. 20/01/2017)


POBOACIÓN (2016)

  • As Abellas 56
  • Campos 29
  • O Couto 46
  • A Churía 6
  • A Fonte Espiño 35
  • Marán 35
  • Pedra Padreiro 26
  • A Santa 3
  • A Toxa 10
  • O Vilar 17
  • Total: 263 persoas

San Tirso de Muíño, parroquia cuxo topónimo procede do latín molinum ´muíño´, intégrana os seguintes lugares: As Abellas, Campos, O Couto, A Churía, A Fonte Espiño, Marán, Pedra Padreiro, A Piosa, A Santa, A Toxa e o Vilar e contaba con 263 habitantes no ano 2016. A súa altitude máxima está no outeiro da capela de Santa Margarida (346 m.)

A igrexa parroquial de San Tirso de Muíño presenta a clásica fachada pentagonal, de cantería e lisa, rematada na parte central por unha sinxela espadana, construída seguramente no séc. XIX. Porén, todo o resto do templo responde ás características arquitectónicas do séc. XVIII e en cuxo interior se adosou un artístico escudo de pedra, cuartelado en cruz e tallado nunha soa pedra, coroado por un casco ou helmo afrontado. Nos cuarteis aprécianse as armas dos Pazos, Figueroa e Moscoso.

A ermida de Santa Margarida é de mediados do séc. XVIII e o seu retablo é de estilo neoclásico (fins séc. XVIII - principios séc. XIX) aínda que este santuario xa existía con anterioridade ao séc. XVIII: disque aquí xa había unha romaxe por 1.670.

Cabe salientar tamén a existencia nesta parroquia dunha parte do que noutro tempo foi a Torre do Couto ou de Muíño, lugar de residencia da estirpe fidalga dos Ozores, antigos donos do couto de Muíño.

O cruceiro do Couto chama a atención porque se atopa no interior dunha rotonda ovada, axardinada, ben protexido por unha reixa de ferro e malia que as súas figuras están moi erosionadas, consideramos que se trata dunha obra barroca do séc. XVIII.

A arca da Piosa é outro dos monumentos megalíticos de máis sona de toda Galicia, pertencente á área Soneira-Xallas, de exemplares tan recoñecidos como as antas de Dombate, de Pedra Cuberta, Pedra da Arca de Regoelle, a Mina da Parxubeira, etc. xa era coñecida a finais do séc. XIX polos nosos historiadores e arqueólogos. Foi outro dos monumentos que inspirou a Eduardo Pondal:

"Arca antiga da Pïosa,

o vento que é triste oir

funga nas esquivas uces,

que están ó redor de ti;

e pasa entre elas bruando

con dorido xemir:

debaixo das túas antes

está o valente Brandomil.

(...)

... O valente Brandomil

saído da xentil e boa raza

dos celtas, repousa aquí"

(Eduardo Pondal.-Queixumes dos pinos; 1886)


FESTAS:

  • 28 de xaneiro, festa do patrón San Tirso
  • 29 de xaneiro, festa de San Xosé
  • 30 de maio, festa do Corpiño, festa de ofrendas e de abundantes exvotos de cera e ten habido merendas arredor da igrexa parroquial
  • 25 de xullo, festa das Dores
  • 26 de xullo, romaxe de Santa Margarida
  • 28 de agosto, festa do Sacramento

 

Descargas

Compartir: