O Allo
San Pedro do Allo (+ info. ampliada). Actualización 09/05/2018
ÍNDICE
PRIMEIRA PARTE
- Relevo
- Hidrografía
- Xeoloxía
- Demografía
- A orixe dos nomes dos lugares do Allo
- As Torres do Allo, o primeiro pazo galego
- Cadro esquemático da xenealoxía dos señores do Allo
SEGUNDA PARTE
- A igrexa parroquial de San Pedro do Allo
- A heráldica do Allo: os escudos das Torres e da igrexa
- Outros elementos singulares do Allo: o cruceiro do adro, o cemiterio, a fonte de San Ramón, o Souto, os muíños.O Allo noutros documentos históricos
- Persoeiros relacionados co Allo: Antonio de Rioboo, Víctor López Seoane, Pura Sánchez (nai do poeta Manuel Antonio)
- Ai do Allo, ai do Allo: a copla popular que orixinou a glosa do Cura de Fruíme contra Antón de Rioboo
- O polígono industrial Os Muíños do Allo.
- Festas parroquiais
- Inventario dos bens do patrimonio do Allo (PXOM)
- Bibliografía básica
Poboación (01/01/2017)
Allo (O) 13 Casas Novas 2 Cebola de Abaixo 23 Cebola de Arriba 16 Muíños (Os) 59 Muriño 10 Pombal (O) 7 Regalados 11 Xerne 17 ALLO 158 |
PRIMEIRA PARTE
O Allo é, sen dúbida, a parroquia de maior interese artístico e monumental de todo o concello de Zas, así como Brandomil era a de maior interese arqueolóxico. Para dar tempo a que se aprecie todo o valor que ten, decidimos facer a publicación para ‘Zas polo miúdo’ en dúas partes en base ó Sumario arriba exposto.
Esta parte primeira dedicámola, polo tanto, á súa xeografía, toponimia e, como non, á historia das Torres do Allo, o monumento polo que é coñecida en toda Galicia.
No tocante á xeografía, salientamos que está situada no extremo N do concello de Zas, o seu extremo NO é o seu punto máis setentrional. Ten lindes coas parroquias de Anos, Cesullas e Borneiro (no concello de Cabana de Bergantiños) e San Cremenzo, Lamas e Baio (no de Zas). A súa extensión é duns 7 km2 e é parroquia anexa de San Cremenzo de Pazos.
No seu territorio predominan as pendentes, aínda que na súa parte meridional conta con superficies aplanadas. No fondo do val do río Esmorís -que é da cunca do Anllóns- dáse a cota inferior de todo o concello: 110 m. Polo seu borde meridional discorre o río do Porto, o río Grande da Terra de Soneira. Nos aproximadamente 4 km que discorre polos lindes ou polo interior da parroquia acumula un desnivel duns 10 m.
Xeoloxicamente forma parte da Unidade Malpica –Tui e litoloxicamente é a que presenta maior uniformidade de todas as do concello a base de ortogneis biotítico e xistos e paragneises.
No tocante ós seus nomes de lugar, a orixe etimolóxica do propio nome da parroquia, O Allo, é bastante discutido, e barállanse ata catro propostas. Os outros nomes de lugar naceron no séc. XVII, a partir de casas que os Rioboo construíron para os seus colonos. A Cebola debeu ser un topónimo “replicante”, festivo, do xa existente O Allo.
As Torres do Allo son consideradas “o primeiro pazo galego”, e sempre se pensara que se construíran na súa totalidade a finais do séc. XV–principios do XVI, pois a súa estrutura -un corpo rectangular central e dúas torres cadradas a cada lado- coma os elementos decorativos das dúas torres, case idénticos, eran propios desta época. Pero todo cambiou coas recentes investigacións do profesor J. Á. Sánchez García, que tivo acceso ó arquivo do Rioboo e descubriu que da época primitiva só era a torre norte, e que a sur era unha copia case idéntica construída na segunda metade do séc. XVII, case 200 anos despois. Guiándonos pola monografía deste investigador (Torres do Allo, 2001), elaboramos un cadro cronolóxico cos feitos máis sobranceiros dos sucesivos señores do Allo, sobre todo daqueles dous que realizaran as obras máis importantes (véxanse no enlace).
Rematamos a primeira parte cun cadro esquemático dos señores que as posuíron, os Rioboo, desde o séc. XV ata que en 1998 as mercou á Deputación da Coruña e as restaurou. As visitas guiadas e, sobre todo, as teatralizadas, organizadas polo Concello de Zas, incrementaron como nunca as visitas.
Na segunda parte falaremos da igrexa e doutros elementos singulares desta freguesía, verdadeira “xoia da coroa” do concello, así coma de personaxes famosos que as habitaron.
SEGUNDA PARTE
Nesta segunda parte trátanse aspectos que quedaron pendentes da primeira como son: a análise da igrexa parroquial, a heráldica e outros elementos singulares da parroquia; persoeiros relacionados coa parroquia, a estancia na súa nenez do poeta das Avangardas: Manuel Antonio; as diatribas entre o cura ilustrado Antonio de Rioboo Seixas e Diego Cernadas de Castro –cura de Fruime-, o polígono industrial do Allo, as festas parroquiais ou o inventario de bens do patrimonio.
A igrexa parroquial comézase a edificar polo 1561 sendo señor do Allo Gómez Rioboo Villardefrancos o Vello. Presenta unha fachada retablo de estilo renacentista en forma de arco triunfal dividido en tres paneis, separados por columnas sendo o central o máis ancho flanqueado por columnas de fuste estriado. A un lado e outro están as figuras de Adán e Eva. Enriba da porta sentado na súa cátedra está san Pedro. Completan a iconografía o arcanxo Gabriel e a Virxe María. Enriba da porta lateral sur hai un busto de san Paulo. Foi obxecto de obras ou reformas en 1644, 1702, 1741, 1892/98, 1943, 1944, 1945/49, 1985 e 1989.
Conta con 6 escudos de armas entre a igrexa parroquial e as Torres no que figuran as familias que enseñorearon este couto. Un sétimo escudo, existente en Xerne, hoxe está depositado no pazo de Daneiro.
Dous elementos singulares contribúen a realzar a importancia desta parroquia: o cruceiro novo do adro da igrexa, de 2013 e o novo cemiterio parroquial (2006), este último cun deseño e uns materiais que o fan único na zona.
Dada a abundancia de auga non é de estrañar a existencia de muíños –catro deles existentes xa en 1753- principalmente a rentes da ponte de Castiñeira e os do Regueiro do Allo. Os primeiros moi relacionados cos propietarios das Torres e os últimos, tamén chamados muíños de baruto, que estiveron en funcionamento ata non hai moitos anos era un elemento etnográfico de primeira orde.
Segue, a continuación, a visión que nos deixaron da parroquia textos históricos dos anos 1607, 1753, cara 1847 ou cara 1928.
Antonio de Rioboo e Seixas é autor de numerosas obras históricas entre as que destaca La Barca más prodigiosa. Poema historial sagrado de la antigüedad, invención y milagros de el célebre Santuario de N. S. de la Barca, colocado en los confines del Puerto de Mugía en el Reyno de Galicia. Chegou a formar parte de Real Academia de la Historia. É moi coñecido o seu enfrontamento dialéctico con Diego Cernadas de Castro, a resultas do cal xurdía aquela famosa glosa que comeza “Ai do Allo, ai do Allo…”
Outro persoeiro de capital importancia relacionado coa parroquia foi o insigne naturalistaVíctor López Seoane propietario consorte das Torres polo seu matrimonio con Francisca de Rioboo. Crese que foi el quen plantou ou mandou plantar os carballos e falsos plátanos que hai nas dúas vías de acceso ás Torres.
Reseñar, tamén que entre 1901 e 1916 estivo de mestra na escola do Allo Pura Sánchez, nai to poeta das Avangardas Manuel Antonio Pérez Sánchez , poeta que mantería unha intensa relación de amizade con outros mozos contermporáneos seus de Baio.
Conta O Allo cun polígono industrial: o dos “ Muíños” plenamente asentado e en fase de expansión, sendo o único do concello de Zas. A destacar, dentro das empresas asentadas nel a da ITV, conseguida despòis de non poucas dificultades e dunha forte presión social.
Rematamos, por último, coas festas patronais e a relación de bens incluídos no inventrio de bens do patrimonio do PXOM
NON SE ESQUEZA PULSAR O ENLACE DO FINAL DESTA PÁXINA: “AQUÍ PODES CONSULTAR INFORMACIÓN MÁIS AMPLIADA”