TR341D - Promoción e consolidación do emprego autónomo
Data de publicación: 30/12/2021
Data inicio de solicitude: 31/12/2021
Data remate solicitude: 30/09/2022
Obxecto
A publicación deste programa é establecer as bases e convocar a axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive.
Características da axuda
Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento
de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación coas seguintes contías:
a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes
colectivos, que non serán acumulables:
– Persoas menores de 30 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas desempregadas con discapacidade.
– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste)
da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
e) Persoas trans.
f) Profesións e oficios nos cales a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.
Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.
Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211230/AnuncioG0599-281221-0002_gl.pdf