O Concello de Zas súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller cun programa de actividades para toda a familia
06-03-2020
Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo, o Concello de Zas vén de dar a coñecer o programa de actividades dirixido a toda a familia que leva por título “Zas pola Igualdade” e que se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo. A finalidade desta programación é implicar a toda a veciñanza fronte á discriminación de xénero. Así o descata Patricia Fariña, Concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude do Concello de Zas.
O programa comeza o 14 de marzo coa proxección da curtametraxe “As tres caídas de María Santiso” que terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio do Concello. A familia, o rural, o fogar e a muller son os temas principais deste traballo protagonizado por Lucía Veiga e que se estreou na 41 Semana de Cine de Lugo onde acadou o Premio do Público á Mellor Película Galega. Esta é unha curtametraxe dirixida a todos os públicos e que nos fará reflexionar sobre o pasado, o presente e o futuro da sociedade rural galega.
“A compañeira de piso”, da compañía Contraproduccións, é a seguinte actividade incluída dentro do programa “Zas pola igualdade” que terá lugar o sábado 20 de marzo no Auditorio Municipal de Baio ás 21:00 horas. Esta é unha obra de teatro dirixida a todos os públicos e na que se tratan os temas da idade, a muller e a identidade.
O público familiar será o principal destinatario das sesións de contacontos infantil que terán lugar o 23 de marzo, na Biblioteca Municipal de Zas, e o 30 de marzo, na Axencia de Lectura de Baio. Nos dous casos, as sesións comezan ás 18:00 horas e baixo o título “Planeta LGTB” abordarase dun xeito fresco e divertidos temas como a diversidade e os estereotipos culturais.
Concentracións 8M
Por outra parte, o goberno municipal de Zas apoia as diferentes actividades organizadas polo movemento Galegas 8M Costa da Morte-Bergantiños para a vindeira fin de semana e anima a todos os veciños e veciñas a participar nas diferentes concentracións que terán lugar en distintos puntos da comarca. Estas son algunhas das convocatorias:
- Sábado, 7 de marzo ás 12:00 horas en Carnota: Cadea humana de mulleres na praia de Carnota
- Sábado, 7 de marzo ás 20:30 horas en Vimianzo: Concentración festiva coa batukada das Curandeiras
- Domingo, 8 de marzo ás 12:00 en Cee: Manifestación unitaria Costa da Morte - Bergantiños co lema “Sen coidados non hai vida”
- Domingo, 8 de marzo, ás 19:00 horas en Carballo: Manifestación dende os xulgados