O Concello de Zas acolle por terceiro ano o programa de formación para maiores de 50 anos da Universidade Sénior da UDC
04-03-2020
O Centro Sociocultural de Zas acolleu esta mañá a presentación da III edición do programa de formación universitaria para maiores de 50 anos que imparte da Universidade Sénior da UDC - Universidade da Coruña - por terceiro ano consecutivo no Concello de Zas.
Ao acto de presentación asistiron un bo número de alumnos e alumnas interesados/as en participar nesta experiencia e que, en moitos casos, xa asistiron ás pasadas edicións. O Alcalde de Zas e Presidente do GDR Costa Morte, Manuel Muíño Espasandín, aproveitou a ocasión para mostrar a súa satisfacción tanto pola gran acollida que ten este programa entre a veciñanza de toda a comarca así como porque a Universidade da Coruña elixira, unha vez máis, o Concello de Zas como a súa segunda sede.
O programa da presente edición divídese en tres módulos que se impartirán do 25 de marzo ao 8 maio no Auditorio Municipal de Baio. Cada módulo consta de dúas sesións teóricas, de dúas horas cada unha, e dunha sesión práctica ou saída de campo. As clases impartiranse os mércores e os xoves de 17:00 a 19:00 horas mentras que as sesións prácticas realizaranse pola mañá. Todos os módulos serán impartidos por profesores da Universidade da Coruña. O programa divídise da seguinte forma:
MÓDULO I: Patrimonio Social e Cultural
- 25 de marzo e 1 de abril de 17:00 a 19:00 horas: Catro etapas da arquitectura antiga de Galicia. Impartido por Álvaro J. Iglesias Maceiras
- 26 de marzo e 2 de abril de 17:00 a 19:00 horas: Lingua e literatura galegas. Prof. Xoán López Viñas
- 17 de abril de 10:30 a 13:30 horas: Visita cultural ás Torres do Allo
MÓDULO II: Medio ambiente e sustentabilidade
- 15 e 22 de abril de 17:00 a 19:00 horas: Enxeñaría e tecnoloxía ambiental. Impartido por Manuel Soto Castiñeira e Verónica Torrijos Pérez
- 16 e 23 de abril de 17:00 a 19:00 horas: Agronomía de mar e montaña. Profesores: Javier Cremades Ugarte e Federico Pumar Barbeito
- 24 de abril de 10:30 a 13:30 horas: Saída de campo ao entorno da Costa da Morte
MÓDULO III: Saúde e Benestar
- 29 de abril e 6 de maio de 17:00 a 19:00 horas: Neurociencia con Carmen de Ladra Pinedo
- 30 de abril e 7 de maio de 17:00 a 19:00 horas: Educación para a saúde dende o exercicio terapeútico. Prof. Isabel Raposo Vidal
- 8 de maio de 10:30 a 13:30 horas: Sesión práctica de exercicio terapéutico
E xa o 17 de xuño terá lugar no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña o acto de clausura do programa. Co fin de facilitar a todo o alumnado que asista haberá transporte.
Inscricións
Ao igual que nas pasadas inscricións, a inscrición é de balde e pode facerse de xeito online a través do espazo web UDC Sénior Costa da Morte ou presencialmente a través dos ADL de cada concello dende o 5 ata o 20 de marzo.
Con este programa, a Universidade Sénior achégase un ano mais ás persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte, respostando as súas inquedanzas e necesidades formativas. Ao acto de presentación tamén asistiron a Vicerrectora de Planificación Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez Veiga; e a directora da Universidad Sénior, Matilde García Sánchez.