O Goberno Municipal de Zas rexeita os chíos do cura e reitera que estas ideas non representan á veciñanza
18-12-2019
O Goberno Municipal do Concello de Zas vén de facer público o seu rexeitamento aos comentarios que realizou en días pasados un dos curas que exerce no municipio a traves da súa conta de Twitter. “Como grupo de goberno estamos doídos e decepcionados pola imaxe que se está a transmitir estes días sobre Zas nos medios de comunciación”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín.
Según declaracións do rexedor, o grupo de goberno rexeita “por completo” os comentarios realizados polo cura no que chamou “manada de cerdas” ás feministas e “gilipollas” aos votantes do BNG. Xunto con estes, a conta de Twitter contiña unha gran cantidade de chíos nos que expresaba unhas opinións que para Manuel Muíño responden aos ideais de Vox. “De momento en Galicia as persoas que pensan así non teñen representación”, aclarou Muíño en relación a Vox. Os comentarios foron borrados despois de que se viralizaran nas redes.
“Este tipo de comentarios non é algo sintomático do noso municipio”, aclarou o rexedor despois de que a nova tivera repercusión en medios de tirada nacional. “A nós gustaríanos que o noso concello saíse nos medios de comunicación por outros temas como que, por exemplo, a Festa da Carballeira está a piques de ser declarada Festa de Interese Turístico, ou que somos un concello modelo en facer charlas nos centros educativos sobre a violencia de xénero, ou que fomos un dos primeiros municipios da zona que nos sumamos á campaña “En Negro contra as Violencias”, etc”, indicou Muíño. Por este motivo, pediulle aos representantes dos medios de comunicación que contribúan a que a imaxe que se está a dar de Zas a raíz dos comentarios realizados polo cura non representan “para nada” á veciñanza de Zas. “Somos xente razonable, tolerante, que respecta as ideas dos demais e que temos un clima político moi tranquilo no que o BNG goberna dende hai 12 anos”, sentenciou Manuel Muíño.