Aprobados os proxectos incluídos dentro do Plan Único POS+ para o 2020
18-12-2019
O Goberno Municipal de Zas continúa coa súa aposta pola conservación das estradas do termo municipal despois de que esta mañá se aprobase no pleno extraordinario as diferentes propostas incluídas dentro do Plan Único POS+ da Deputación da Coruña para o 2020 cun importe total de 331688,98€.
O Concello de Zas destinará unha parte da achega da Deputación (267058,39€) a gasto corrente entre o que se inclúe o alumeado público e a limpeza e mantemento dos edificios públicos (centros educativos e centros de saúde, instalacións deportivas, dependencias municipais,…). Os restantes 64630,59€ destinaranse á mellora do firme e ancheamento de diversas estradas de titularidade municipal.
Máis obras
A corporación municipal aprobou tamén o Plan Complementario 2020 no que se inclúen distintas obras por un importe total de 288609,54€. Entre as actuacións a acometer figuran a reforma da zona de vestiarios do pavillón municipal de Baio (141379,38€), acondicionamento das áreas de estacionamento e accesos ao campo de fútbol de Zas e ao tanatorio municipal (92498,96€); e traballos de mellora e conservación nas estradas municipais de Fornelos (Baio), O Couto (Muíño), As Pedresqueiras (Baio) e na estrada de Teixedón a San Roque (Mira); todas elas por un importe de 54731,2€.
Durante a sesión plenaria desta mañá, tamén se aprobou a reformulación do proxecto de “Terminación e ampliación de acondicionamento de cunetas na estrada A Piolla - Brandomil e en diversas estradas asfaltadas municipais” que fora incluído no POS+ 2018 e que foi necesario reformular debido a que se rescindira o contrato coa empresa adxudicataria. O importe desta actuación é de 95643,69€.
Todas as propostas saíron adiante co voto a favor de toda a Corporación Municipal.