O IV Trail da Filloa volve o 9 de febreiro cunha nova proba deportiva

17-12-2019

Esta mañá presentouse no salón de plenos do Concello de Zas a IV edición do Trail da Filloa que se celebrará o vindeiro 9 de febreiro e que chega con importantes novidades. 

Unha das principais novidades deste evento organizado pola Asociación Deportiva Monte Brondo, en colaboración co Concello de Zas, é a incorporación dunha nova proba deportiva que, ao igual que as outras tres non ten carácter competitivo. Trátase dunha andaina longa de 18 quilómetros que sairá ás 09:20 horas da praza do Concello de Zas. En total haberá catro probras diferentes abertas a toda a veciñanza: un trail longo de 26 quilómetros e cun desnivel de 1350 metros aproximadamente; un trail curto de 17 quilómetros con 700 metros de desnivel; unha andaina curta de 12 quilómetros e unha andaina longa de 18 quilómetros. Todas as probas disputaranse ao longo da mañá con saída dende a Praza do Concello de Zas mentras que a chegada estará no pavillón municipal de Zas. 

O percorrido é outra das novidades desta cuarta edición xa que se incorporarán novos camiños que levan varios anos pechados pola maleza e que agochan varios elementos do noso patrimonio, entre eles unha abellariza. 

David Fernández, da A.D. Monte Brondo; Manuel Muíño, Alcalde de Zas, e Montse Solis, protagonista do cartel e gañadora do trail curto do ano pasado, foron os encargados de presentar con todos os detalles o IV Trail da Filloa. Muíño aproveitou a ocasión para felicitar aos organizadores polo éxito das pasadas edicións así como por darlle a noraboa pola iniciativa que foi unha das primeiras que se organizou na zona. 

 

 

Inscricións

Os/as interesados en participar, poden formalizar xa a súa inscrición a través da plataforma Galitiming (https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/iv-trail-da-filloa-zas/inscripcion_datos/) e aproveitarse así dos descontos para os primeiros anotados. O custe é de 15€ para o trail longo, 12€ para o trail curto, 9€ para a andaina longa e 8€ para a curta. A partir do 1 de febreiro, o prezo das probas pasará a ser 18€, 15€, 11€ e 10€ respectivamente. O número de prazas por cada unha das probas está limitado e o prazo de inscrición remata o 5 de febreiro.

Haberá varias categorías (absoluta, sénior e veteranos) e os participantes teñen que ter cumpridos os 16 anos para participar no trail curto e 18 anos para o longo. Na seguinte ligazón pódese consultar o reglamento do IV Trail da Filloa (https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/iv-trail-da-filloa-zas/ficheros/?filetype=reglamento).

Todos os participantes contarán con seguro de accidentes durante a proba. A inscripción dá dereito a participar na proba, seguro, avituallamentos, aparcamento, duchas e degustación dun dos pratos típicos de Zas: filloas. 

 

Compartir: