O Concello de Zas pon en marcha a 5ª edición do concurso de Nadal “PanxoliñaZas”

29-11-2019

O Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, convoca por quinto ano o concurso de Nadal “PanxoliñaZas”. Este certame ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega e das novas tecnoloxías así como a recuperación das nosas tradicións.

O concurso está aberto a toda a veciñanza, independentemente da súa idade, e pode facelo tanto de forma individual como en grupo. Os participantes deberán gravar un vídeo cantando unha panxoliña, un vilancico, un canto de Aninovo ou de Reis en lingua galega e poden ser tradicionais, xa existentes, de creación propia ou traducións ao galego. 

Antes de enviar os traballos será necesario presentar o Anexo/s correspondentes, que se poden descargar ao final desta nova, ben no Rexistro do Concello de Zas ou a través da Sede Electrónica. Logo enviaranse os vídeos por correo electrónico ao enderezo turismozas@gmail.com ou a través da plataforma Wetransfer. En calquera das vías que se utilice é necesario indicar o asunto (“Concurso de Panxoliñas”) xunto co número de rexistro e os datos do/dos participantes (nome, apelidos, DNI, idade, enderezo postal e un número de teléfono de contacto).

Exhibición dos vídeos

Os traballos penduraranse na páxina de Facebook “Concello de Zas Actualidade Municipal” do 16 ao 19 de decembro e os internautas encargaranse de votar polo seu vídeo favorito. O que máis gústame teña recibirá o premio ao vídeo máis popular. Ademais premiaranse, a criterio dun xurado formado por membros do Concello de Zas, os traballos pola súa presentación, pola súa fidelidade á tradición da nosa zona e un vídeo infantil. En total outorgaranse catro premios de 100€ cada un xunto cun diploma acreditativo. 

As bases completas do concurso poden consultarse na sede electrónica do Concello de Zas a través do seguinte enlace: https://sede.concellodezas.org/opencms/es/informacion/tablon/Noticia_Secretaria_006.html

Descargas

Compartir: