Zas tínguese de negro para loitar contra as violencias machistas
25-11-2019
Ao redor de 150 persoas, entre as que estaban alumando dos centros educativos, persoal dos distintos servizos co concello e membros do goberno municipal, participaron esta mañá na Marcha Contra A Violencia de Xénero que arrancou ás 11:30 horas dende a Praza do Concello de Zas para percorrer unha parte da vila. Xa de volta, os participantes concentráronse diante da Casa do Concello onde, ao mesmo tempo que noutros 125 concellos galegos, se liu a Declaración Institucional polo 25N e conmemorar así o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Tras a lectura da Declaración, foi o alumando quen tomou a palabra para pedir o fin da violencia de xénero coa lectura de distintos manifestos. Tamén quixeron plasmar as súas mans con pintura morada nunha enorme pancarta co lema “Contra As Violencias, educación”.
Os actos celebrados esta mañá inclúense dentro da campaña “En Negro Contra as Violencias” na que o Concello de Zas participa por cuarto ano consecutivo. O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, manifestou a súa satisfacción pola implicación da veciñanza nesta campaña xa que ao longo de toda a semana máis de cen establecementos comerciais e hostaleiros de todo o municipio, membros das distintas asociacións, alumnado das actividades municipais tinguiron de negro os seus escaparates e organizaron actividades especiais para sumarse a esta campaña de sensibilización.
Próximas actividades
Ao longo desta semana continúan as actividades ao redor desta campaña que se concentrarán nos centros educativos do noso municipio. A seguinte actividade será mañá, martes, 26 de novembro, da man da compañía “Teatro Inconformista” que representará ás 12:45 horas o seu espectáculo “Chola It a Girl” dirixido ao alumnado do IES Maximino Romero de Lema.
O mércores, 27 de novembro, realizaremos cos alumnos e alumnas de educación primaria o obradoiro de xogos e máscaras “Eu son cabaleiro, princesa ou dragón?”. Esta actividade realizarase entre as 09:30 e as 11:00 horas no CEIP Labarta Pose mentras que no CPI de Zas haberá dúas quendas (unha de 12:45 a 14:00 horas e outra de 12:20 a 15:55 horas).
Na páxina de Facebook de Concello de Zas Actualidade Municipal podedes ver moitas máis imaxes da campaña En Negro Contra As Violencias do 2019.