O Concello de Zas reparte 29.100 euros en 180 bolsas de estudos para o curso 2019-2020

22-11-2019

Un ano máis, o Concello de Zas vén de facer públicas as bases das Bolsas de Estudo para o curso 2019-2020 coas que se pretende fomentar a educación e os estudos entre o alumando empadroado no noso municipio e escolalizado nalgúns algún dos seguintes cursos: ensinanza primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos, en estudos de grao medio ou superior.

Para o financiamento destas bolsas, o Concello de Zas destina un total de 29.100 euros correspondentes ao Orzamento de gastos do 2019. O crédito repartirase en 180 bolsas que van dende os 120 euros por estudante até os 360 euros. As bolsas adxudicaranse en función dunha serie de baremos; tales como a situación económica-familiar, o número de membros que integran a unidade familiar e os méritos académicos do alumno/a. 

Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes está aberto até o vindeiro 5 de decembro. Na páxina web municipal recóllese toda a información sobre a documentación necesaria así como os impresos que se deben presentar no Rexistro Xeral do Concello.

Esta é unha iniciativa posta en marcha polo grupo de goberno e que ten como obxectivo a integración socio-laboral dos pais, nais, titores ou acolledores mediante o apoio ás familias que non poden afrontar o custo dos estudos. Os beneficiarios das axudas, que son compatibles con calquera outra que reciban por este concepto, son as familias do concello con menores recursos económicos.

“Dende que puxemos en marcha esta iniciativa, hai máis de dez anos, a nosa intención é tratar de axudar ás familias que máis o necesitan a paliar o gasto que teñen que afrontar con cada novo curso académico”, sinala Manuel Muíño, Alcalde de Zas.

No seguinte enlace podes consultar as bases completas: https://sede.concellodezas.org/opencms/export/sites/zas/recursos/downloads/Tablon/Bases-bolsas-de-estudo-2019_2020.pdf

Ligazóns

Descargas

Compartir: