Alumando dos tres centros educativos do municipio e veciños e veciñas de máis de 65 anos participan nun encontro interxeracional
22-11-2019
Mañá sábado, 23 de novembro, a partir das 19:00 horas terá lugar no Centro Sociocultural de Baio un encontro interxeracional ao que están convidados uns 50 alumnos e alumnas dos tres centros educativos do Concello de Zas (CEIP Labarta Pose, CPI de Zas e IES Maximino Romero de Lema) e varios veciños e veciñas de todo o municipio maiores de 65 anos e relacionados con algún pazo ou casa grande ven sexa por proximidade, traballo ou estudos e con especial fincapé nas mulleres.
Este encontro é un das primeiras fases do proxecto “As Regueifas dos Pazos” posto en marcha polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e que se integra nun programa moito máis amplo que leva por título “Zas Polo Miúdo nas Escolas”.
Un dos obxectivos principiais deste proxecto é achegar ao alumnado dos tres centros educativos do noso municipio ao patrimonio cultural a través dos pazos e casas grandes. Froito deste achegamento serán as regueiras que improvisarán os alumnos e alumnas despois de recoller información sobre como era a vida nos pazos, as costumes, os traballos e mesmo a relación da veciñanza cos propietarios/as destes edificios.
Ademais deste, “As Regueifas dos Pazos” ten moitos máis obxectivos entre os cales están sensibilizar ao alumnado na protección do patrimonio, poñer en valor a Ruta dos Pazos de Zas, recuperar o patrimonio oral da nosa veciñanza, reivindicar as regueifas como parte do noso patrimonio oral, contribuír á promoción do uso da lingua galega e empregar as novas tecnoloxías como ferramentas difusoras.
IV Foliada Solidaria
Ao remate do encontro interxeracional, os participantes poderán unirse á IV Foliada Solidaria que, un ano máis, organiza o alumnado de Xestión Cultural do IES Maximino Romero de Lema. A festa comezará ás 21:00 horas e actuarán as regueifeiras Lupe Blanco e Alba María, Amexeiras&Caamaño, Habelas Hainas, Laura Romero, Vintenbaio e Trubisquiña. Toda a recadación destinarase á Lúa Awel Pedreira, diagnosticada con microencefalia, atrofia cerebral e leucomalacia multiquística periventricular severa.