Zas pon en marcha a campaña “Contra as violencias machistas, educación” con actividades para toda a veciñanza

21-11-2019

Un ano máis, e xa van catro de forma consecutiva, o Concello de Zas súmase á campaña “En Negro contra as violencias”, impulsada polo Concello de Santiago de Compostela e na que participan máis de cen municipios galegos. 

Baixo o lema “Contra as violencias machistas, educación”, o Concello de Zas coordinará, a través da Concellería de Igualdade, diferentes actividades co obxectivo de fomentar a sensibilización contra as violencias machistas dirixíndoas aso distintos axentes sociais (comunidade educativa, tecido empresarial, asociacións,…) e á veciñanza en xeral.

As actividades xa se puxeron en marcha o pasado luns, 18 de novembro, cunha acción que ten ao comercio local como protagonista. En total son máis de cen establecementos comerciais e locais de hostalería os que sumaron a esta iniciativa tinguindo de negro os seus escaparates e enchéndoos de carteis que conteñen mensaxes de sensibilización. Para iso, persoal do Concello de Zas repartiu en días pasado diverso material (mandís, salvamanteis, camisetas e carteis) entre os establecementos e entidades participantes. Tamén participa na campaña o alumnado das diferentes actividades municipais que a través de talleres, conversas, fotos, pequenas representacións,… abordan durante estes días este tema. 

Marcha e lectura do manifesto

Unha marcha e a posterior lectura do manifesto será outra das actividades que se leven a cabo no marco desta campaña e que se desenvolverán o vindeiro luns, 25 de novembro, coincidindo co día internacional da eliminación da violencia contra muller. A saída será ás 11:30 horas dende a Praza do Concello á que regresaremos ás 12:00 horas para a lectura do manifesto. 

A comunidade educativa é outro dos axentes sociais cos que traballaremos ao longo destes días con actividades en cada un dos tres centros educativos do noso municipio. A primeira delas será o vindeiro martes, 26 de novembro, da man da compañía “Teatro Inconformista” que representará ás 12:45 horas o seu espectáculo “Chola It a Girl” dirixido ao alumnado do IES Maximino Romero de Lema. 

E xa ao día seguinte, o 27 de novembro, realizaremos cos alumnos e alumnas de educación primaria o obradoiro de xogos e máscaras “Eu son cabaleiro, princesa ou dragón?”. Esta actividade realizarase entre as 09:30 e as 11:00 horas no CEIP Labarta Pose mentras que no CPI de Zas haberá dúas quendas (unha de 12:45 a 14:00 horas e outra de 12:20 a 15:55 horas). 

 

Na páxina de Facebook de "Concello de Zas Actualidade Municipal" podes ver un álbum con imaxes desta campaña. 

Ligazóns

Compartir: