A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas incorpora un novo vehículo ao seu parque móbil
10-10-2019
O equipo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas vén de ampliar o seu parque móbil coa entrega, por parte da Consellería de Presidencia, dun novo vehículo tipo pick up. O Tenente de Alcalde, Óscar Lema; e a Responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas, Elena Ramos; desprazáronse onte pola mañá ata Vedra onde recibiron o novo coche de mans do Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do Delegado Territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
Trátase dun Nissan Navara que conta con diversos equipamentos que mellorarán a mobilidade dos membros de Protección Civil e facilitará a realización dos traballos que desempeñan a diario tales como diferentes actuacións de prevención de riscos, a intervención en operativos de emerxencia ou a coordinación de actividades ou eventos nos que se concentran un gran volume de xente, entre moitas outras.
Xunto co de Zas, outros once concellos da provincia da Coruña reforzaron a súa equipación de emerxencias grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades municipais en materia de protección civil e emerxencias.