O programa de actividades para o 2019/2020 ponse en marcha con 25 propostas para toda a veciñanza

27-09-2019

Despois dun intenso verán cargado de actividades, o Concello de Zas pon en marcha – como vén sendo habitual por esta época do ano – un novo programa de ocio e lecer dirixido a toda a veciñanza e que se desenvolverá nos próximos meses. En total, son máis de 25 as propostas que compoñen esta programación nas que se inclúen actividades para todos os gustos e para todas as idades que van dende os diferentes tipos de deportes ata a música, as manualidades e o teatro.

No ámbito da actividade física haberá clases de ximnasia, ximnasia terapéutica, pilates, zumba, tiro con arco, escolas deportivas (para nenos e nenas de 4 a 12 anos), balonmán, judo, taekondo, xadrez, tenis de mesa e fútbol.

Como novidade, o programa deste ano traénos unha actividade cultural para os máis novos da casa na que se inclúen talleres de animación á lectura, educación ambiental e patrimonial, xogos, dinaminzación cultural,… e que se impartirá os mércores no pabillón de Baio e os venres no de Zas.

No programa inclúense tamén distintas actividades relacionadas coa música – tales como o curso de guitarra- e coa creatividade como bordado, calceta, macramé, tapicería, cesteiría e manualidades. Ao longo destes meses tamén realizaremosas escolas de memoria nas diferentes parroquias así como cursos de informática e de manexo do móbil. Dentro do programa de actividades para 2019/2020 tamén se inclúe unha nova edición da escola de teatro infantil e de adultos.

 

Inscricións

Os/as interesados/as en asistir a algunha ou varias destas actividades teñen ata o 9 de outubro para anotarse a través do número de teléfono 981 708 303 ou n propio Concello de Zas.

As listas de admitidos/as nas diferentes actividades expoñeranse no Centro Sociocultural de Baio e de Zas. Para participar é necesario cubrir debidamente as follas de inscrición antes do pago da mesma. As actividades comezan a partir do 15 de outubro e case todas teñen unha duración de seis meses.

Podes consultar o programa completo ao final desta nova.

Descargas

Compartir: