Os recortes no servizo de pediatría e a urbanización da futura praza de Baio serán dous dos temas a tratar no pleno ordinario
11-09-2019
O goberno municipal do BNG presentará no pleno de mañá xoves dúas mocións urxentes. Por unha banda pídese o apoio de toda á corporación aos concellos da Costa da Morte fronte aos recortes na atención sanitaria primaria e dun xeito especial no servizo de pediatría, tal como solicitou a plataforma Zas sen recortes en pediatría nun escrito presentado o pasado día 2 no Concello. Pola outra, o grupo de goberno presentará para a súa aprobación o proxecto de urbanización da praza de Baio despois da ocupación directa dunha parte dos terreos dotacionais da área urbanizable situada no sector R-B1 de Baio (zona do paseo fluvial).
Na sesión ordinaria, convocada para as 13.00 horas, tamén se aprobarán os festivos locais para o ano 2020 e a adhesión á declaración de emerxencia climática co fin de loitar contra a contaminación e o cambio climático.
A orde do día inclúe, así mesmo, varias cuestións de carácter económico, como a conta xeral do 2018 ou o plan económico financeiro 2019-2020. Tamén se dará conta ao pleno do período medio de pago a provedores e do estado de execución do orzamento.