Chega unha intensa Festa da Carballeira con propostas para toda a veciñanza
02-08-2019
Despois de todo un ano agardándoa, xa está aquí unha das nosas festas máis populares con repercusión nacional e internacional: a Festa da Carballeira, organizada pola Asociación Cultural Castro Meda, en colaboración co Concello de Zas e coa Deputación de A Coruña.
Despois dos concertos de esta noite, mañá agárdanos unha fermosa xornada na que poderemos gozar desta contorna máxica con diferentes actividades para todos os públicos. A partir das 12:00 horas, Os Farrapos comezarán a ambientar a xornada na que tamén haberá feira de artesanía, unha zona infantil e unha exhibición de talla con motoserra da que se encargará Marcos Mariño.
Estes serán os preliminares que lle darán paso á sesión vermú na que, ao igual que en anos anteriores, se repartirán 300 quilos de mexillóns de balde entre todos os asistentes. Da parte musical da sesión vermú encargaranse Fourth Moon, Vudú e as regueifeiras Lupe Blanco e Alba María.
Durante o día grande da Festa da Carballeira non haberá tempo nin para a repousar o xantar xa que ás 17:30 horas comeza a unha gran foliada na que os bailadores e bailadoras que o desexen poderán bailar ao son dos grupos Churía de Zas, As Lerchas de Agualada, Trubisquiña de Vimianzo, o grupo de danzas da AA.CC. Veciños de Leira, Os Petadores de Zas, Xiradela de Arteixo e Os da Fonte Boa de Sada.
A iso das 20:30 horas trasladarémonos ao escenario principal da Festa da Carballeira onde comezarán os concertos. Monoulious Dop serán os encargados de abrir a noite cun concerto que non nos deixará indiferentes. Tanxugueiras, Korrontzi, Tide Lines e Baiuca serán os encargados de que a música non cese ata ben entrada a noite na Carballeira de Velar.
Entradas
As entradas para o festival poderanse mercar na entrada da festa con descontos especiais para o bono dos dous días. Os asistentes contarán con zona de acampada, baños e ducha de xeito totalmente gratuíto. O vaso ecolóxico é outra das iniciativas que tampouco faltará nesta 36ª edición da Festa da Carballeira coa que se reduce de xeito notable o impacto ambiental.