Aberto o prazo de solicitude para a mellora da competitividade dos autónomos/as
11-07-2019
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 3 de xullo as bases das axudas do Bono Autónomo co que a Xunta de Galicia ofrece apoios de ata 3000 euros para a mellora da competitividade dos traballadores por conta propia. Os/as interesados/as xa poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 2 de agosto.
Esta axuda poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80% da actividade que se subvencione cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta do beneficiario.
Serán subvencionables as seguintes liñas de actuación:
Liña 1: Mellora da competitividade a través dos seguintes servizos
- Investigación de mercado
- Plan de márketing
- Plan de comunicación do negocio
- Plan estratéxico do negocio
- Plan crecemento: constitución sociedade
- Plan de reorientación do negocio
- Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio
- Plan de refinanciamento.
- Outros estudos e planes que teñan como fin aumentar a competitividade
Liña 2: Mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos
- Compra de maquinaria
- Compra de útiles e ferramentas
- Reforma do local do negocio
- Equipos informáticos
- Rótulos
- Mobiliario
- Aplicacións informáticas e páxinas web
- Creación logotipo do negocio
No caso de solicitar ambas liñas de axudas (as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran), atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2 co límite máximo de 3.000 € de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.
Persoas beneficiarias
Persoas autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.
Neste enlace pódese acceder ao texto completo da orde.