Rematan as obras de renovación do céspede do campo municipal San Andrés

14-06-2019

 

O próximo domingo xogarase o primeiro partido de fútbol no renovado campo municipal San Andrés de Zas. As obras remataron xusto a tempo para acoller a final da VI Copa da Costa de Veteranos nun encontro que comeza ás 11:00 horas entre o San Román e o San Lorenzo.

O Concello de Zas vén de investir 176.148,53€ no campo de fútbol municipal San Andrés nunhas obras que se centraron principalmente nas substitución do céspede artificial por outro de última xeración e, ao mesmo tempo, renovouse o equipamento do campo (porterías, rede de rego,…).

Dentro do compromiso do goberno municipal coa mellora das infraestruturas deportivas, nos últimos meses leváronse a cabo actuacións en diferentes instalacións municipais. Entre elas destacan as labores de mantemento realizadas no pasado mes de marzo no campo municipal Platas Reinoso de Baio onde se fixo unha limpeza do terreo de xogo ademais de revisarse todas as xuntas e liñas de xogo e de reparar aquelas que o necesitaron. Tamén se mellorou o perímetro do campo coa limpeza dos canais de recollida de auga así como a substitución das reixas.

 

Compartir: